Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Mondoñedo en Igualdade’, para celebrar o Día Internacional da Muller

Mondoñedo, 6 de marzo, 2023. Con motivo do Día Internacional da Muller, o Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres, organiza unha serie de actividades conmemorativas.

Por unha parte, está en marcha unha nova edición dos concursos de debuxo “Debuxando en Igualdade” e de fotografía “Mondoñedo en Igualdade” no que se invita ao alumnado dos centros de primaria e secundaria dos concellos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto a participar cunha obra orixinal na que a temática sexa a igualdade entre mulleres e homes. O prazo de presentación de traballos remata o 15 de marzo de 2023 e haberá agasallos para as mellores obras consistentes en libros de lectura e material escolar. As bases de participación foron remitidas aos centros educativos e aos departamentos de Servizos Sociais dos concellos citados, podendo consultarse tamén no CIM e nas súas redes sociais.

Os actos institucionais e centrais serán o martes 8 de marzo e terán lugar na Praza do Concello a partir das 12 horas. Darase lectura á declaración en prol da igualdade que cada ano realiza o Concello para, a continuación, dar lugar á presentación do novo panel da exposición “A Historia de Mondoñedo leva nome de muller”. Nesta exposición, inaugurada no ano 2017, faise mención ás representantes do pasado, presente e futuro de Mondoñedo que dunha forma ou outra resultaron ser pioneiras na historia local. En este 2023 o panel estará dedicado a Josefa Vázquez Dobarro, activista da revolución en Cuba, a María Teresa Rodríguez Ares, doutora en Medicina e Cirurxía, especialista en oftalmoloxía, e a Emma Losada Santamarina, xogadora de fútbol-sala e as lavandeiras de Mondoñedo (oficio tradicional de mulleres). O panel de 2023 estará exposto durante todo o ano na entrada da Casa do Concello e os anteriores poden visitarse na sala de reunións de Servicios Sociais – CIM, situada no baixo da Casa do Concello.

Para o vindeiro sábado 25 de marzo está prevista a celebración dunha mesa redonda no Auditorio Municipal Pascual Veiga en horario de 11 a 13 horas na que se manterá un coloquio con varias mulleres con relevancia nas súas vidas profesionais e/ou persoais.

Estas actividades están financiadas cos fondos recibidos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero a través do Ministerio de Igualdade.

Exit mobile version