Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo participa nos actos do Día da Muller do CEIP Península da Paz

A edil de Educación, Dolores García Caramés, e a axente da Policía Local, María Concepción Trelles , foron as mulleres que representaron á administración local nos encontros co alumnado promovidos por este centro escolar

Cervo, 8 de marzo de 2023. O Concello de Cervo participou este 8 de marzo nos actos programados polo CEIP Península da Paz, con motivo do Día Internacional da Muller.

Ata o centro, achegáronse, en representación da administración local, a tenente alcalde e concelleira de Educación e Cultura, Dolores García Caramés, e a axente da policía local, María Concepción Trelles que compartiron co alumnado como é o seu día a día no traballo, e as particularidades de cada unha das súas ocupacións.

Caramés quixo destacar o enriquecedor que resultou a xornada, no seu caso na aula do alumnado de terceiro de primaria, xa que “os/as pequenos/as amosaron moita curiosidade polo traballo que se desenvolve dentro do Concello, e das actividades que se programan” no marco das áreas que dirixe, como son as diferentes actividades culturais ou os programas Cervo Concilia e Enredos, coñecidos pola maioría dos pequenos/as que participan activamente en cada edición. Tamén puxeron de manifesto que están moi ao día da actualidade municipal e das diferentes actuacións que se están a materializar, e aproveitaron a ocasión para facer algunha que outra demanda do seu interese.

A concelleira tamén quixo felicitar ao CEIP Península da Paz por promover iniciativas como esta, por convidarnos a participar na xornada, “porque é un xeito tamén de achegar o traballo que se desenvolve no seo da súa administración máis próxima, protagonizado nunha alta porcentaxe por mulleres, que teñen un papel destacable no día a día da actividade municipal”.

Exit mobile version