A popular pregúntase “cantas veces escoitamos prometer o arranxo das rúas peonís que, por certo, se converteron xa nun perigo para os peóns. Todo quedou en nada. Todo o anunciado quedou nun simple escudo que nin se ve”, afirma.
Por outra banda, sinala que “agora, de repente, apareceu un orzamento para arranxar, parece ser, o Forte de San Damián cando este grupo municipal leva catro anos reivindicando este arranxo. Sorprende agora un convenio coa Deputación e tamén sorprende bastante que ninguén desta administración dixera nada ao respecto”.
Saiz engade que “anunciaron e anuncian unha morea de inversións cando aínda non cumpriron o prometido fai tempo”. Nese sentido, pregúntase “que pasa coa praia do Cargadeiro. E que pasa coas carreteras da Deputación? Que Dios nos colla confesados se pasa nas doutras administración porque xa estarían as pancartas por aí polas rúas”. Falando da estrada de Vilela, a popular cre que o arranxo debería “continuar ata Vilela co pavimento e co pintado”. Sobre a carretera que pasa por Arante e tamén a que pasa por Santalla, pregúntase por que o goberno local do BNG non lle esixe á Deputación o seu arranxo”.
A popular continúa a enumerar os incumprimentos do actual goberno: “o campo de fútbol de Outeiro na Devesa ou o hangar de piragüismo que da pena velo. Prometen e prometen, pero nada”. É tamén o caso da rúa Manuela Barreiro Pico; a rúa Rodríguez Murias en Rinlo; os lameiros que o goberno local decidiu chamar aparcadoiros pero que de aparcadoiros teñen moi pouco”.
Saiz que asegura que “o goberno do BNG acumula unha serie de promesas sen cumprir e aínda seguen prometendo”. Nese sentido, insiste en que “o pouco que fixeron foi por presión veciñal e deste grupo municipal”. Así mesmo, non entende “que prometen se aínda teñen todo sen rematar. Non remataron nin a que venderon como obra do mandato: a pista multideporte -máxima en tempo, mínima en dimensións-”.
É por iso polo que a popular se pregunta “a quen queren enganar, se levan catro anos a rebufo, sen organización ningunha e sen ningún tipo de planificación e, por riba, obstaculizando a inversión doutras administracións. Non gasten enerxía en prometer porque os veciños xa perderon a confianza”, conclúe.