No Partido Popular indican que o Concello, dado que se trata dunha emerxencia, debe actuar de oficio e, unha vez que coñeza ao propietario da finca, pasarlle a factura
Os populares consideran inaceptable que dende o equipo de goberno do Concello se dea como escusa o feito de non localizar aos propietarios do terreo no que ocorreu o desprendemento. Din nesta liña que o Concello non ten que esperar a coñecer aos propietarios, porque pode actuar de oficio, e máis nun caso como este, no que a presión da terra pode poñer en perigo a estabilidade dunha das paredes do edificio. Por outro lado, indican que o Concello pode actuar por vía de emerxencia e subsidiaria, é dicir, asume os gastos da retirada da terra e, cando se coñeza de quen é o terreo, pásalle a factura.
No PP local critican a falta de acción por parte do goberno local, pese a existir, potencialmente, un risco e, en todo caso, danos para a economía do negocio, que, debido á acumulación de terra contra a parede, ten que manter pechado o comedor do restaurante.
Os populares anuncian a presentación dunha iniciativa para a súa inclusión na orde do día da próxima sesión plenaria, coa intención de que o goberno local explique que medidas tomou neste asunto e por que o Concello non actúa de oficio para retirar a terra acumulada contra o edificio do citado restaurante.