Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP responsabiliza a Cajoto da perda da batucada de Foz

No PP agradecen “a todos os compoñentes da batucada de Percusiona toda a colaboración que sempre tiveron co Concello de Foz e esperamos ter unha resposta do equipo de goberno, porque é un feito moi grave”

Foz, 10 de marzo de 2023. O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, mantén unha relación conflitiva con todo o que ten que ver coa música. Aínda non esquecido o problema que xerou na Escola de Música, agora consegue que a batucada de Foz, o grupo Percusiona, deixe a sede de Foz por falta de apoio do goberno local. Así o sinala o grupo municipal do PP que, segundo explica o seu portavoz, Javier Castiñeira, “pregunta ao señor Cajoto que pasou coa batucada de Foz, co grupo Percusiona, que foi apoiado polo anterior goberno local; un grupo que era unha absoluta referencia non só no noso concello, senón en toda A Mariña e nos seus arredores”. Explica que “naquel momento o equipo de goberno entendía que era necesario para animar a actividade social e cultural que ten o Concello de Foz e que era importante formar unha batucada; así se fixo e foron moitos os veciños que aprenderon percusión na batucada de Foz”. Engade que “isto levou a fomentar esas percusións que son tan importantes para as comparsas locais”.

Castiñeira di: “Segundo temos sabido, agora a batucada xa non ten sede en Foz por falta de apoio do goberno municipal e esa é unha mala noticia para Foz e tamén para o Entroido, agora que é Festa de Interese Turístico Galego”. Os populares piden “ao alcalde que non desfaga todo aquelo que nos levou a ter este recoñecemento para o noso Entroido; tamén é unha mala noticia para a Festa Normanda e para outras moitísimas celebracións que xeraron a batucada de Foz”.

No grupo municipal do PP agradecen “a todos os compoñentes da batucada de Percusiona toda a colaboración que sempre tiveron co Concello de Foz e esperamos ter unha resposta do equipo de goberno, porque é un feito moi grave”.

“Xa sabemos -di Castiñeira- que o alcalde non se leva ben coa música; lembramos o gravísimo problema que creou na Escola de Música, que nos levou case a perde ao director, e agora e moi mala noticia perder a batucada, algo moi implicado coa vida de Foz, co noso humor e o noso carácter”.

Exit mobile version