Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP ribadense cualifica de electoralista o anuncio do comezo das obras da estrada de Arante

Ribadeo, 22 de marzo de 2023. A coordinadora de promoción local do PP de Ribadeo, Marta Saiz explica que “a actitude deste goberno do BNG deixa ben claro que actúan por simple electoralismo”. Neste sentido, Saiz fai referencia á visita do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, que rodeado do seu equipo de goberno formado polo PSOE e o BNG, “veu a supervisar a modo de inauguración unhas obras que están sen rematar” en relación á ponte da estrada de Vilela.

A coordinadora de promoción local di: “xa non queda moito para as vindeiras eleccións e a partir do 4 de abril entramos nese período de sombra no que xa non se pode inaugurar nada. E agora veñen a inaugurar obras sen rematar. Pero claro, como rematada non teñen ningunha obra, teñen inauguralas sen rematar”. Saiz subliña as promesas baleiras feitas polo goberno provincial en materia de estradas: “En catro anos non deron rematado a ponte da estrada de Vilela, esperaron tanto que chegan as eleccións e aínda está sen facer. Iso si, vimos ao presidente ben rodeado para sacar a foto, o que non vimos nin escoitamos foi un compromiso pola súa parte coa rede de estradas provinciais da súa competencia en Ribadeo”.

Desde o grupo municipal popular destacan que “tampouco se dixo nada de continuar co pavimentado pintado ata Vilela, nin escoitamos nada de Piñeira, Santalla ou da Devesa”. Ademais os populares resaltan a actitude do goberno do BNG, pois “non escoitamos tampouco esixirlles á Deputación de Lugo e ao seu presidente o compromiso coa rede de estradas. Raro nos parece que non teñan enviado algunha carta esixindo responsabilidades.”

A REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS, COMPETENCIA DA DEPUTACIÓN

O organismo provincial ten como competencia a atención todo tipo de incidencias que se producen nas súas estradas a calquera hora do día e calquera día do ano, desde as provocadas polas inclemencias meteorolóxicas, como nevadas e xeadas, ata desprendementos de terra ou danos provocados na vía por accidentes de tráfico.

Ademais, o servicio de vías e obras ten encomendada a xestión desta rede de estradas comprendendo tarefas de formación e actualización do inventario da rede, a redacción de proxectos de obras de construcións de novas estradas e de mellora de trazado, rehabilitación de pavimento e sinalización das existentes, así como actuacións para a conservación e reparación das vías que así o necesiten.

Por iso mesmo, desde o grupo municipal popular están fartos de que actúen prometendo para logo non facer nada. “ Non nos sorprendería que nos próximos días continúen coa promesa da estrada en Arante. Xa perdemos a conta das veces que prometeron e non fixeron nada. Isto non indica traballo, o que indica é un nerviosismo e desesperación evidente que os conduce a reunirse para supervisar unhas obras a modo de inauguración que non están rematas e prometer centos de veces o acondicionamento e arranxo das estradas das que teñen a competencia e que ao final non se vai a facer.”

Exit mobile version