Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP tacha de “nova cortina de fume” as addendas que propón o goberno provincial aos convenios para as residencias da Pobra do Brollón, Cervantes e Ourol

Os populares cren que o presidente, José Tomé, incorre nunha “ofensa aos veciños destas localidades que levan catro anos esperando que se faga algo, porque o único que se fixo foi poñer un cartel e facer propaganda”

Lugo, 28 de marzo de 2023. O grupo provincial do PP chegou ao pleno que hoxe celebra a Deputación coa esperanza de que o bigoberno apoie a súa moción para instar ao Goberno central a axilizar as obras da autovía A-6, así como a súa proposta en relación coas demandas dos bombeiros do Consorcio provincial. E tamén entrou ao salón de plenos lamentando, unha vez máis, a negativa do goberno provincial a ampliar o Plan Único, que leva varios anos conxelado, e convencido de que as addendas propostas por socialistas e nacionalistas para os convenios para varias residencias son só unha cortina de fume máis.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, expresou, ao chegar á Deputación a felicitación do grupo provincial do PP a José Miñones, ata agora delegado do Goberno en Galicia, polo seu nomeamento como ministro de Sanidad. Castiñeira sinala que no PP saben “que Miñones coñece perfectamente a provincia de Lugo e cales son os problemas”. Engade: “Estivo aquí cando caeron as pontes e non se deron boas solucións para as mesmas e sigue habendo problemas de tráfico na A-6, incluso con accidentes, dos que el e consciente; veu aquí cando se produciu o afundimento na N-642, que tivo cortada a conexión coa Mariña durante dous días e a día de hoxe segue sen unha solución definitiva”. Na mesma liña, lembrou que Miñones “sabe os problemas que se ocasionaron á industria lucense, a Alcoa e a outras empresas importantes, que sofren esta crise enerxética, da que el é un dos responsables; tamén coñece os problemas que teñen os nosos gandeiros co lobo e cos custes de produción e sabe perfectamente das dificultades dos nosos mariñeiros, que non se solucionaron por falta de política pesqueira en Europa”.

En canto á sesión plenaria, o portavoz popular indicou: “A este pleno traemos mocións que cremos que son importantes para a provincia e nas que podería traballar no Consello de Ministros o señor Miñones, como é acelerar a reconstrución simultánea, por vía de urxencia, dos viadutos da A-6, porque senón vaise facer interminable”.

Os populares piden ao presidente da Deputación, José Tomé, “que non faga de Miñones, que mire pola provincia”. Explican: “Cremos que neste pleno vén case que a rirse dos lucenses, porque as propostas que trae de addendas para os convenios das residencias de Pobra do Brollón, de Cervantes e de Ourol son unha ofensa aos veciños destas localidades que levan catro anos esperando que se faga algo, porque o único que se fixo foi poñer un cartel e facer propaganda”. Consideran que “estas addendas son unha cortina de fume máis das que nos ten acostumados o señor Tomé para antes das eleccións, pero a xente do rural é intelixente, os lucenses son intelixentes, e non se van deixar embaucar por estas trapalladas políticas que nos trae no día de hoxe o señor Tomé”.

En canto ao Plan Único, Castiñeira lembrou que ”está conxelado, e debido a iso os concellos, os alcaldes, tiveron que facer auténticas virguerías, porque con menos cartos van poder facer menos obras; coa proposta do PP de dotar con cinco millóns máis ao Plan Único 2023, hoxe traerían arredor de 400 obras e así van presentar 332 obras”. Puxo de manifesto que “os alcaldes fixeron un grandísimo traballo; tiveron que priorizar moitísimo e deixaron no tinteiro moitas obras que deberían facerse agora, ao final da lexislatura”. Castiñeira felicita aos alcaldes polo traballo feito; tamén aos técnicos municipais e os da Deputación, porque grazas ao seu traballo se aproba hoxe o Plan Único, “que aínda que é moi insuficiente virá moi ben a todos os concellos da provincia”.

Exit mobile version