Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación de Lugo e o director xeral de Red.es subliñan o impacto na provincia das axudas do Kit Dixital e do programa Acelera PEMES

2.400 pequenas e medianas empresas da provincia de Lugo recibiron xa máis de 9M€ do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través do Kit Dixital

Lugo, 8 de marzo de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este mércores na casa consistorial de Monforte xunto con Alberto Martínez, director xeral de Red.es. entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, un encontro para informar ao empresariado da Ribeira Sacra dos avances e do impacto que está tendo na provincia a liña de axudas do Kit Dixital e o programa Acelera PEMES. Uns proxectos, que tal e como subliñou o mandatario provincial, impulsa o Goberno do Estado “para fortalecer e facer máis competitivo o tecido empresarial do noso país a través da transformación dixital”.

O Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a primeira tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada; e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos do Concello de Monforte de Lemos, José Luis Losada, participaron na reunión, á que acudiron unha trintena de empresarios e empresarias da comarca.

“Estas iniciativas forman parte do amplo paquete de medidas económicas coas que o Goberno central está a dar resposta aos retos xerados polo impacto da pandemia e da guerra de Ucraína”, sinalou Tomé Roca. “Como ocorre sempre cos gobernos progresistas, a principal preocupación do Executivo de Pedro Sánchez é a xente, polo que despregou un escudo social sen precedentes, con medidas como a suba do Salario Mínimo Interprofesional, o aumento das pensións, a reforma laboral ou o incremento das becas, entre moitas outras”, pero, ao mesmo tempo, subliñou, o Executivo actúa “no ámbito da economía, para axudar ás empresas a facer fronte a unha situación adversa e, sobre todo, aproveitando os fondos europeos para acometer procesos de modernización que as fagan máis competitivas”. Neste sentido, recalcou que xerar emprego “é a primeira e a mellor política social”.

Sinalou que as pequenas e as medianas empresas, as microempresas e os autónomos aos que se dirixen o Kit Dixital e o programa Acelera PEMES “conforman a columna vertebral do emprego do noso concello e da nosa provincia e, polo seu menor tamaño, teñen máis dificultades á hora de modernizarse ou incorporar novas tecnoloxías”.

Na súa intervención, o Presidente puxo en valor a capacidade de interlocución do Goberno central coas administracións locais, valorando que “concellos e Deputacións somos os garantes de que as medidas cheguen por igual a todos os recunchos do territorio. Contamos cun diálogo permanente que garante que as ideas se escoitan e que os programas incorporan as aportacións dos territorios, algo que lamentablemente, non fai a Administración autonómica galega, nin tampouco fixeron no seu momento os gobernos conservadores do Estado”.

Acelera PEMES
Entre as accións prioritarias do Goberno da Deputación, o Presidente destacou precisamente “o apoio ao tecido produtivo da nosa provincia”. Algo que “xunto aos servizos públicos de calidade, é un factor esencial para fixar poboación no noso rural”.

No marco dese compromiso co tecido produtivo, a Deputación incorporouse ao Acelera PEMES, dotado con medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es e o 20% (100.000€) da propia institución provincial.

“Levamos desde final de ano despregando esta iniciativa de asesoramento e soporte gratuíto ás PEMES en materia de transformación dixital, cuns bos resultados ata o momento, pois xa contactamos cunhas 250 empresas”. A institución provincial xa ten despregadas oficinas para prestar asesoramento e acompañamento gratuíto aos negocios nos concellos de Viveiro, Lugo e A Fonsagrada e traballa para completar a rede nos municipios de Láncara, Monforte e Vilalba.

Grazas ao Acelera PEMES, a Deputación manterá durante dous anos, ata o 2024, esta rede de oficinas, que contará con 7 traballadores e traballadoras.

Neste programa poden participar todas as PEMES que estean interesadas, co único requisito de ter sede física nalgúns dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos menos o da capital, que dispón doutras iniciativas e recursos para ofrecer este tipo de servizos.

Valorou o Presidente “a proximidade e a capacidade de atención presencial” que se ofrece a través desta iniciativa, “un apoio para garantir a eficacia de esta ambiciosa acción de transformación do tecido empresarial”. Engadiu como Alcalde de Monforte as apostas do Goberno local polo emprego e a captación de empresas e expuxo como froitos dese traballo o desenvolvemento do polígono industrial da localidade; a implantación en Monforte da farmacéutica Kern Pharma, que prevé investir 60M€ nunha planta de produtos inxectables na que traballarán 50 persoas; a posta en marcha de servizos de Renfe, que creará na cidade o primeiro centro de ciberseguridade da compañía.

Kit Dixital
Sobre o Kit Dixital sinalou que está a ter un “gran impacto” na provincia. De feito, 2.400 pequenas e medianas empresas lucenses recibiron xa máis de 9M€ do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través desta liña de axudas. “Estou seguro de que seguirá dando froitos no concello de Monforte e no conxunto da provincia de Lugo”, valorou.

Para o programa Kit Dixital, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital destina un orzamento de 3.067 millóns de euros dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para dixitalizar a preto dun millón de PEMES e autónomos en todo o territorio nacional os próximos tres anos.

Estas subvencións do Goberno teñen como finalidade avanzar na dixitalización de áreas crave como presencia na internet, deseño da web, venda electrónica, xestión de clientes e provedores, oficina dixital, redes sociais, xestión e automatización de procesos e ciberseguridade.

As axudas poden solicitarse ata decembro do ano 2024. Están abertas tres convocatorias: a liña dirixida a empresas de entre 10 e 49 empregados, que poden solicitar o bono de 12.000 euros ata o 15 de marzo de 2023; para as empresas de 3 a 9 empregados o prazo está aberto ata o 2 de setembro con axudas de 6.000 euros; e os negocios de menos de tres empregados e autónomos poden solicitar 2.000 euros ata o 20 de outubro de 2023.

Exit mobile version