Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas din demostrar que Elena Candia entregou a Pilar de Lara os anónimos falsos que orixinaron a persecución contra Besteiro

“Estamos convencidos de que moitos dirixentes e votantes do propio Partido Popular non comparten este comportamento, nin esta forma de facer política, e mesmo se avergoñan da actitude da candidata. E, por suposto, os lucenses non se merecen ser gobernados por unha persoa que está demostrando mala fe e nula catadura moral”

Lugo, 31 de marzo de 2023. O PSdeG provincial demostra que Elena Candia entregou os anónimos falsos á xuíza expedientada Pilar de Lara que orixinaron a persecución contra José Ramón Gómez Besteiro.

Os socialistas fixeron públicos este venres os documentos oficiais firmados por Elena Candia e co logotipo do Partido Popular que a candidata mindoniense á Alcaldía de Lugo levou ó Xulgado, nunha “artimaña mezquina coa única vontade de sacar rédito electoral e destruír” ó por aquel entón Secretario Xeral do PSdeG e candidato á Xunta de Galicia.

O PSdeG dá conta destes documentos porque, “aínda por riba de non dar explicacións, nin pedir desculpas públicas a todos os galegos, pero sobre todo ós lucenses, pola tropelía que provocou a maior persecución político xudicial na historia da democracia galega, primeiro minte Elena Candia e agora o propio Presidente da Xunta negando a evidencia: que foi a presidenta provincial do PP a que, a título persoal, entregou os escritos que deron orixe á operación xudicial”.

As probas

“Como se pode mentir con tanto descaro?, inciden os socialistas, pois o propio expediente xudicial “recolle un escrito do Grupo Provincial do Partido Popular ao Fiscal Xefe de data 5 de marzo de 2013 no que comparece e fai entrega de dous documentos”, e, poucos días despois, o 14, dona Elena Candia fai unha declaración testifical ante o Fiscal que literalmente di: La declarante es Diputada Provincial y Portavoz del Partido Popular en la Diputación de Lugo. El escrito que presentó en Fiscalía se les hizo llegar a sus oficinas de la Diputación de forma anónima, lo encontraron dentro de un sobre en blanco sin ninguna anotación, sin que pueda precisar su procedencia. Cree que el sobre ha sido destruido o utilizado para reciclar”.

Dano económico a Lugo

“As manifestacións de Alfonso Rueda demostran que están preocupados e nerviosos porque coas súas mentiras e inventos fixeron un dano enorme a Gómez Besteiro e a Lugo, un dano ás institucións da Deputación, contra a que se abriu unha causa xeral, e do Concello lucense, ós funcionarios, e un dano que provocou cuantiosas perdas económicas e destruíu emprego”.

“Minte Rueda ou tamén lle mentiu a el Elena Candia?”

Os socialistas pregúntanse se o Presidente da Xunta “minte porque tamén lle mentiu a el Elena Candia e non está ben informado ou minte a sabendas. En todo caso, debe repasar a documentación”, e lémbranlle que “empezar ben”, como el apela a que se faga, “é xestionar ben, non facer as declaracións que a el lle gusten, cando presuntamente era coñecedor ou partícipe do que ocorreu”.

“Á vista dos feitos, a señora Candia está hoxe inhabilitada politicamente. Esperamos que teña a dignidade de rectificar e pedir perdón e, senón, debe irse da política porque non vale todo”, asegura o PSdeG. “Estamos convencidos de que moitos dirixentes e votantes do propio Partido Popular non comparten este comportamento, nin esta forma de facer política, e mesmo se avergoñan da actitude da candidata. E, por suposto, os lucenses non se merecen ser gobernados por unha persoa que está demostrando mala fe e nula catadura moral. Onde está o límite de Elena Candia? Ata que punto chegarán os seus enganos cando non haxa documentos oficiais que a desmintan?”.

“Os lucenses non comulgan con traidores”

“Con aquela operación”, engadiron os socialistas, “o Partido Popular gañou tempo, pero vano perder agora con creces, porque os lucenses e os galegos non comulgan con traidores, dado que na política sana non vale todo, e persoas mentirosas e manipuladoras como a señora Candia non deben ter cabida”.
Ante os documentos xudiciais “que demostran que mentiu”, a señora Candia “debe pedir perdón ou dimitir” e, ademais, “debería indemnizar a José Ramón Gómez Besteiro polos danos persoais, morais e políticos que causou coas súas mentiras”.

A pesar da súa “catadura moral”, recalcou o PSdeG provincial, “non lle desexamos que pase polo sufrimento inxusto que tivo que soportar durante tantos anos o compañeiro Besteiro por culpa da súa irresponsabilidade”. “Agora non pode esconderse detrás dos silencios nin agochar a cabeza, porque o dano xa está feito e terá que facerse politicamente responsable das súas fechorías”, aseverou.

Exit mobile version