Site icon Crónica3.com A Mariña

Subdelegación e Concello coordinan operativo para que a Semana Santa de Viveiro sexa todo un éxito

Na Xunta Local de Seguridade analizouse o calendario de eventos que se desenvolverán no municipio entre os días 1 e 9 de abril e decidiuse reforzar a vixilancia coa presenza de axentes da Policía Nacional, Local e Tráfico

Viveiro, 29 de marzo de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, copresidiron este mércores a Xunta Local de Seguridade para planificar o dispositivo especial para a Semana Santa de Viveiro 2023, declarada de Interese Turístico Internacional. Durante a reunión, que tivo lugar no Concello de Viveiro, analizouse o calendario de eventos que se desenvolverán no municipio mariñán entre os días 1 e 9 de abril e decidiuse reforzar a vixilancia coa presenza de axentes, tanto de Policía Nacional como de Policía Local e Tráfico da Garda Civil.

A subdelegada e a rexedora subliñaron o esforzo de coordinación e colaboración entre as dúas administracións para que a Semana Santa de Viveiro sexa todo un éxito. Así, co obxectivo de manter a orde pública, os dispositivos, que serán flexibles e se adaptarán á afluencia de público prevista, cubrirán o casco histórico e os percorridos das diferentes confrarías, ademais doutros puntos de interese da localidade.

Isabel Rodríguez resaltou que “o Goberno de España mantén o seu compromiso e sensibilidade cun dos eventos de maior atracción turística na provincia, que forma parte do noso acervo cultural” e puxo en valor o traballo que realizan as confrarías para que este acontecemento sexa posible.

Na reunión tamén participaron responsables da Policía Nacional, o subsector de Tráfico e a Garda Civil do Mar, a Policía Local, a Policía Autonómica e a Policía Portuaria, xunto con membros da Xunta de Confrarías de Viveiro. Tamén estiveron presentes representantes da dirección xeral de Emerxencias e de Protección Civil.

Exit mobile version