Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicarli interésase por asentarse en Mondoñedo

A firma valora a posibilidade de construír un almacén para pezas de recambio para o mantemento dos aeroxeradores dos parques eólicos de Galicia

Mondoñedo, 9 de marzo de 2023. Mondoñedo esperta o interese das empresas, que queren coñecer as condicións que ofrece o seu chan industrial. Nesta ocasión é a firma Vicarli a que quere coñecer de primeira man as vantaxes que ofrece este concello desde o punto empresarial. Días pasados, desprazáronse a Mondoñedo, José Manuel Tejada Sáenz, director xeral de Vicarli, e o arquitecto desta firma, Javier Lana.

O obxectivo da visita foi a estudar a posibilidade de adquirir dúas parcelas no parque empresarial de Mondoñedo, para construír un almacén de distribución de pezas de recambio para o mantemento dos aeroxeradores dos parques eólicos de Galicia.

Os dous representantes da empresa mantiveron unha reunión co alcalde, Manuel Ángel Otero Legide, coa arquitecta dos servizos municipais e o axente de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello.

Vicarli, situada en Huarte-Pamplona, ten dúas liñas de negocio: o transporte e a loxística. Na área do transporte, conta cunha frota de 150 camións, entre propios e externos, que se renova cada tres anos. Pola súa banda, a actividade loxística abarca en total máis de 200.000 metros de almacén. “El objetivo, de cara al año que viene, es seguir potenciando nuestra actividad”, sinala o director xeral da empresa, José Manuel Tejada. Ademais, a empresa emprendeu tamén un proceso de dixitalización que estará listo na súa primeira fase en febreiro de 2023, para perfeccionar aínda máis as operativas loxísticas.

Exit mobile version