Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro participou no II Congreso Europeo de Semana Santa e Pascua que se celebra en Palermo

Viveiro, 2 de marzo de 2023. O Concello de Viveiro participou na segunda edición do Congreso Europeo de Semana Santa e Pascua que se celebrou o pasado xoves e venres no Palazzo Reale y Oratorio di Santa Elena e Costantino de Palermo, en Sicilia.

O primeiro tenente de Alcalde, Jesús Fernández Fernández, e o presidente da xunta de cofradías de Viveiro, José Veiga Golpe, exerceron de embaixadores da Semana Santa mariñá nun encontro organizado pola propia Red Europea en colaboración coa Fondazione Federico II de Sicilia (Italia), socio da entidade.

Tamén acudiron representantes do Goberno italiano, por videoconferencia tomaron parte representantes do Ministerio de Cultura de España, ademais do coordinador do Comité Científico da Red Europea, Julio Grande, entre outras autoridades.

As xornadas, cuxo Comité Científico está presidido polo profesor Ignazio Buttitta, organízanse a partir de conferencias e mesas redondas, desenvolvidas por expertos de diferentes países. É a primeira vez que o Congreso se celebra de xeito presencial.

“O Congreso está a ser todo un éxito de participación. Estamos moi satisfeitos da nosa presencia aquí en Palermo porque entendemos que supón unha gran oportunidade para a promoción da nosa Semana Santa, a máis lonxeva de Galicia, así como para por no escaparate a Viveiro a nivel internacional”, subliña Jesús Fernández Fernández.

O Congreso Europeo que se celebrou baixo o título ‘La Semana Santa y Pascua en Europa: De lo local a lo universal’, busca dar un pulo definitivo para acadar o recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo.

Exit mobile version