Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación achegará 13.000 euros para a organización da Feira do Ferro de Riotorto, o 16 de abril

Lugo, 2 de abril de 2023. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto, que prepara a organización da Feira do Ferro para o vindeiro 16 de abril.

O Centro de Artesanía e Deseño achegará 13.000 euros para financiar as demostracións e obradoiros que se desenvolvan no espazo do ferro, desde a elaboración de carbón vexetal e a instalación e montaxe das forxas ou das moas de afiar, e no que se amosará o proceso tradicional de elaboración de fouciños, fouces ou coitelos.

A área de Artesanía e Deseño contribuirá así ao relanzamento da Feira do Ferro despois de tres anos de parón como principal escaparate para os ferreiros e para o patrimonio natural e cultural do concello.

O deputado Efrén Castro valorou “o traballo que ven desenvolvendo a Asociación para organizar a Feira, que cumpre catorce edicións, e para poñer en valor un legado patrimonial derivado de séculos de tradición” e incidiu na necesidade de “avanzar na recuperación dos elementos etnográficos vinculados ao ferro como recurso cultural, educativo e turístico”.

Os ferreiros de Riotorto – Manuel Alonso, Agustín Iglesias, José María Cabo e Óscar Villada – protagonizarán as demostracións en vivo, nas que tamén participarán ferreiros e artesáns do Corgo, Santiago de Compostela ou Navarra, así como o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl.

Os ferreiros de Riotorto, un caso excepcional

A tradición do ferro remontase a varios séculos atrás. A mediados do pasado século XX os ferreiros e afiadores superaban amplamente a centena. A propia toponimia dalgúns núcleos poboacionais é ben elocuente ao respecto, (Ferreiravella, O Mazo, Carboeiro, A Ferrería…).

Os mazos, forxas, moas e outros elementos da chamada “arqueoloxía industrial” que se espallan polo concello constitúen, en si mesmos, una especie de museo ao aire libre. Distintos traballos e investigación, desde a obra do etnógrafo Xaquín Lorenzo ás investigación do estudoso local Miguel Abraira Pérez téñense detido na fonda cultura do ferro que acobilla Riotorto.

A Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros destaca que ainda hoxe Riotorto conta cunha serie de ferreiros profesionais en activo, que suporía, dacordo cos súas estimacións, o grupo homoxéneo de artesáns do ferro máis numeroso da península ibérica con escasos paralelos en Europa. Un verdadeiro tesouro etnográfico, e por outra un pequeno sector productivo a conservar.

Exit mobile version