Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta comparte cos escolares do CEIP Castro de Ouro de Alfoz as claves do saneamento das augas residuais e a súa incidencia no medio e na vida das persoas

Os escolares de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria do CEIP Castro de Ouro coñeceron nocións sobre a depuración, a contaminación ou a necesidade de garantir o recurso da auga

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023. A Xunta compartiu hoxe cos escolares de CEIP Castro de Ouro de Alfoz as claves do saneamento das augas residuais e a súa incidencia no medio ambiente e na vida das persoas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, organizou este mércores unha nova xornada divulgativa dos “Talleres da auga”, que se están impartindo nos centros escolares das zonas de influencia das depuradoras de augas residuais xestionadas pola entidade hidráulica da Xunta.

Os técnicos de Augas de Galicia amosaron de xeito didáctico e sinxelo aos alumnos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria do CEIP Castro de Ouro os coñecementos relativos ao saneamento de augas residuais ou á contaminación.

Deste xeito, os rapaces puideron afondar na importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela, e sensibilizarse sobre os problemas que xera ou pode chegar a xerar a escaseza deste recurso.

Durante a xornada, os alumnos de primaria coñeceron que é e como funciona unha depuradora, o significado do concepto de ciclo urbano da auga, que é a auga residual e o seu impacto sobre o entorno, ademais de afondar nas boas prácticas diarias para evitar ou reducir na medida do posible a contaminación da auga.

Exit mobile version