Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta salienta o monumento natural Praia das Catedrais como exemplo de turismo sostible e convida á cidadanía a visitalo esta ponte festiva

Belén do Campo fai fincapé na importancia de combinar o uso e desfrute desta contorna coa súa preservación e lembra a obrigatoriedade de cumprir a normativa de uso público establecida para este monumento natural

Ribadeo, 28 de abril de 2023. A Xunta salientou o Monumento Natural Praia das Catedrais como exemplo de turismo sostible e convidou á cidadanía a visitalo esta ponte festiva. Así o subliñou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a visita que realizou esta mañá a este espazo protexido, acompañada do xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na provincia de Lugo, Jesús Montouto.

Logo de explicar que nesta ocasión non se precisa autorización previa para acceder ao areal, Do Campo fixo fincapé na importancia de combinar o uso e desfrute desta contorna coa súa preservación e, nesa liña, lembrou a obrigatoriedade de cumprir a normativa de uso público establecida para este monumento natural.

Os visitantes non poderán ir por fóra dos camiños, sendeiros, miradoiros e áreas de descanso; recoller especies de fauna e flora; tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, nin realizar escalada ou actividades similares.

Durante a ponte do 1º de maio do ano pasado visitaron este espazo protexido arredor de 3.750 persoas. Dado que este ano a ponte festiva inclúe un día máis, a previsión é que se poden superar os 5.000 visitantes.

Cómpre lembrar que o plan de conservación deste monumento natural inclúe limitacións de acceso a este espazo protexido durante períodos de alta afluencia. Durante a Semana Santa e os meses de xullo, agosto setembro só poden acceder a este espazo protexido un máximo de 4.812 persoas cada xornada, co fin de facer compatible o uso público coa preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural.

Neses períodos, as entradas poden reservarse, de xeito totalmente gratuíto, na páxina web habilitada a tal efecto ou a través de diferentes entidades públicas e privadas autorizadas para distribuílas, como o Clúster de Turismo, a Mancomunidade de Municipios da Mariña, establecementos hoteleiros, os taxistas de Ribadeo e outros operadores de transporte colectivo.

A Praia das Catedrais é un dos tres monumentos naturais que se localizan na provincia de Lugo, onde tamén teñen esa consideración o Souto da Retorta (Viveiro) e o pregamento xeolóxico de Campozola-Leixazós (Quiroga).

Exit mobile version