Site icon Crónica3.com A Mariña

As mulleres, protagonistas da candidatura socialista do Vicedo, presentada este venres

María Pérez Santaballa sinalou que se presenta a estas eleccións municipais cunha candidatura na que 4 dos 5 primeiros postos de saída están ocupados por mulleres e, dun total de 14 integrantes, 6 son mulleres”

O Vicedo , 14 de abril de 2023.- Os socialistas do Vicedo presentaron este venres na Casa da Cultura do concello mariñano a súa candidatura ás eleccións municipais do 28 de maio. A avogada María Pérez Santaballa encabeza esta lista electoral, “coa que queremos traballar e implicar a tódolos colectivos do noso pobo, para colocar no mapa ao Vicedo”.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso e a Deputada provincial e Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, participaron no acto. A Deputada agradeceu o compromiso e a ilusión “que transmite esta candidatura socialista que está chea de mulleres e homes comprometidos polo futuro do seu pobo, e fano da man da mellor candidata” porque, incidiu, María Pérez “ten gran capacidade de traballo, experiencia na política local e coñece ben o seu concello”.

Formoso dixo que O Vicedo necesita pasar páxina tras esta longa etapa protagonizada pola dereita, “nestes intres este pobo e súa veciñanza precisan duns novos valores progresistas como os que representa a candidatura que encabeza, María Pérez”. Sinalou ademais, que este concello precisa de xeito urxente cambiar de século, “porque nalgúns aspectos parece que non mudou”.

O secretario xeral do PSdeG incidiu, “O Vicedo precisa de alguén que lle permita aproveitar tódalas oportunidades coas que conta este concello, tanto no ámbito turístico, empresarial ou forestal, e esa persoa ten que ser María Pérez Santaballa. Ademais, a candidata lidera un proxecto moi necesario para frear a sangría demográfica que sofre este Concello, e que ten que pararse xa”, explicou.

Mayra García dixo que dende o PSdeG na provincia de Lugo “renovamos o 30% dos candidatos e candidatas, e somos o partido polo que se presentan máis mulleres na provincia, e, probablemente, do resto das provincias de Galicia, con máis de 20 candidatas. E aquí no Vicedo temos un verdadeiro exemplo”.

María Pérez Santaballa sinalou que se presenta a esta eleccións cunha candidatura “na que as mulleres somos protagonistas nos postos de saída, xa que nos primeiros 5 postos, 4 están ocupados por mulleres. Concretamente, dun total dos 14 integrantes, 6 son mulleres. É dicir estamos diante dunha lista electoral nas que as mulleres importan e aportan, con voz e voto”, recalcou.

“Somos un equipo progresista, que quere priorizar políticas para a conciliación familiar e frear o alto índice de despoboamento. Hai que plantexar medidas xa, e facer do Vicedo un lugar do que sentirnos orgullosos, no que vivir e traballar”, asegurou a candidata socialista.

“Queremos impulsar novas ideas para conseguir que o noso concello non siga perdendo máis poboación e servizos básicos. Unha nova etapa na que se teñen en conta as necesidades reais da veciñanza e con iniciativas viables para O Vicedo”, remarcou María Pérez.

Candidatura do PSdeG ás eleccións municipais do Vicedo

A candidatura socialista do Vicedo está composta polos seguintes candidatos e candidatas:

1- María Pérez Santaballa
2- Verónica Canoura Paz
3- Fernando Pigueiras López
4- Lucía Prieto Fraga
5- Silvia Pigueiras Blanco
6- Rubén Rábade López
7- J. Ramón García Varela
8- David Baltar Pita
9- Manuel Fernández Peláez
Suplentes:
10- Juan Carlos González Trasancos
11- Vicente César Parapar Carreja
12- Luis Lozano Pedreira
13- María Roberta Serantes Debén
14- Olga Fraga Grandío

Unha avogada comprometida

María Pérez Santaballa (1974) medrou no Vicedo. É licenciada en Dereito pola UDC (1997), e tamén cursou estudos na UNED de Ciencias Políticas. É nai e traballa como avogada dende que se licenciou. Ademais, xa formou parte da Corporación municipal de Viveiro como Concelleira no 2003, sendo Alcalde Melchor Roel.

Exit mobile version