Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebrada a Xunta local de seguridade en Ribadeo na que se constatou que o concello rexistrou un notable descenso da delincuencia

As estatísticas reflicten unha tendencia favorable na evolución da seguridade en Ribadeo, cunha taxa de criminalidade do 16,41%, 8 puntos menos que a media da provincia, unha das máis seguras de España

Ribadeo, 19 de abril, 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiu hoxe, xunto co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a Xunta Local de Seguridade que analizou a situación da seguridade cidadá e na que se constatou unha tendencia á baixa na delincuencia neste concello. Na xuntanza, celebrada esta mañá na Casa do Concello participaron, ademais da subdelegada do Goberno e o alcalde, responsables de Seguridade do Concello, da Garda Civil e o Subsector de Tráfico, a Policía Local e a Policía Autonómica.

As estatísticas da Garda Civil reflicten unha tendencia favorable na evolución da seguridade en Ribadeo, concello que tivo en 2022 unha taxa de criminalidade do 16,41 por mil habitantes, o que a sitúa por baixo da media da provincia, de Galicia e de España. Con respecto á provincia, que é unha das provincias máis seguras de España, a taxa de criminalidade de Ribadeo é inferior en 8 puntos.

Outro aspecto favorable é o descenso da delincuencia o ano pasado respecto ao ano 2021, pois se comparamos os datos, compróbase que descendeu o número de delitos un 19,5%, ao pasar de 200 infraccións penais no 2021 a 161 no 2022.

Do mesmo xeito, a subdelegada do Goberno eloxiou o bo traballo desenvolvido polos corpos de seguridade con presenza no municipio ao tempo que destacou o elevado índice de efectividade policial que se acadou. Durante o pasado ano, a Garda Civil esclareceu o 71% dos feitos delictivos rexistrados en Ribadeo.

Charlas para reforzar a seguridade escolar

A Xunta Local de Seguridade pasou revista tamén ao labor realizado pola Garda Civil dentro do Plan Director para convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos de Ribadeo. Grazas ao esforzo do equipo de formadores e das comunidades educativas, no curso escolar 2021/2022 foi posible celebrar 18 charlas sobre diferentes temas como a ciberseguridade e os riscos que supoñen para nenos e mozos os distintos tipos de adiccións, tanto ao alcol e drogas como ás apostas e aos videoxogos, así como actividades relacionadas coa igualdade e a violencia de xénero.

Zonas de actuación en materia de tráfico de Garda Civil e Policía Local

Na reunión de hoxe tamén se aprobou a nova delimitación das zonas de actuación da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e Policía Local no termo municipal de Ribadeo. A actualización da delimitación de zonas de actuación persegue mellorar a coordinación na vixilancia do tráfico, así como na asistencia a accidentes de circulación.

Exit mobile version