Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña alerta de novas fugas de persoal médico, desta vez do servizo de urxencias

Denuncian unha continua sangría que mantén o Hospital da Mariña en coma, malia de que o SERGAS, coma sempre, o nega

Burela, 13 de abril de 2023. A CIG Saúde A Mariña denuncia novamente a alarmante fuga de persoal facultativo no Hospital da Mariña pola inasumíbel carga de traballo á que se ve sometido, debido ao progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal, que chega a dobrar e mesmo a triplicar os estándares recomendados pola sociedades científicas.

“As condicións son tan penosas e estresantes que logo dun curto tempo traballando séntense sobrepasados e buscan outros postos de traballo onde poidan desenvolverse coma profesionais, sentirse realizados, e escapar do sentimento de frustración que lles provoca traballar no Hospital da Mariña”, sinalan.

O sindicato nacionalista detalla a sangría de fugas recentes

– 1 facultativo de Hospitalización a Domicilio (HADO) a mediados de febreiro.
– 2 facultativos do Servizo de Urxencias (un a finais de marzo e outro no día de hoxe xoves).
– 1 médico especialista en neuroloxía (a finais de xaneiro).
– Varios facultativos de Medicina Interna en xuño, en novembro e decembro de 2022, un deles a día de hoxe segue sen cubrir (dende finais de decembro de 2022) xa que ninguén quere vir traballar ao Hospital da Mariña, como xa foi denunciado pola central nacionalista o 1 de marzo de 2023.

Consecuencias para os profesionais: estrés permanente

As consecuencias destas políticas, advirte a CIG-Saúde, é que as/os profesionais non poden cubrir as necesidades básicas. O nivel de tensión dispárese. E nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”. De feito, os expertos/as advirten do perigo de vivir sometido/a a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo.

“É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, ansiedade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc.”, explican desde CIG Saúde A Mariña.

Todo o anterior remata en baixas derivadas da sobrecarga de traballo que ao non ser cubertas xeran unha situación na que menos profesionais teñen que asumir toda a carga de traballo entrando deste xeito nunha espiral sen saída. Isto implica unha saturación do sistema, máis listas de agarda e unha mingua da calidade asistencial que afecta finalmente aos pacientes.

Solución ou dimisión

Do mesmo xeito, CIG Saúde A Mariña, exixen tamén á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que dote dos recursos necesarios para garantir unha atención médica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión.

A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. Con este obxectivo subliña que “a CIG Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”. E anuncia que non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”.

Exit mobile version