Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúa esta fin de semana ‘Cultura nas Parroquias’ coas tres actuacións que ofrecerán As Cegas de Ouselle en Cinxe, Vilaframil e Piñeira

Ribadeo, 20 de abril de 2023. Esta fin de semana seguirá o ciclo Cultura nas Parroquias coas tres actuacións que ofrecerán As Cegas de Ouselle en Cinxe, Vilaframil e Piñeira.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “en Ribadeo están programados para estes días tres concertos dentro do ciclo Cultura nas Parroquias, no que levamos traballando moitos anos”.

A edil ribadense explicou que “a formación As Cegas de Ouselle é a escollida para amenizar estas tardes da fin de semana. Este trío nacido no 2020 presenta unha viaxe musical e visual polo mundo das persoas cegas que tocaban nas feiras do pasado século. Trátase dunha mirada actual sobre as pezas da tradición galega con especial achegamento ás músicas portuguesas. Antón Castro, que pon a voz a toca a zanfona e voz, Aldara Palmeiro, violín e voz e Miguel Lustres, acordeón e voz, traerán á memoria dos foliadeiros e foliadeiras a peculiar formación que as Cegas de Ouselle tiñan: zanfona, violín e acordeón”.

Otero Cabarcos contou que “o sábado 22 a actuación terá lugar ás 17.00 horas na Escola de Cinxe e ás 19.30 horas na Escola de Vilaframil. Pola súa banda, o teleclube de Piñeira será o espazo escollido para o concerto o domingo 23 ás 17.00 horas”.

A concelleira de Cultura anima a asistir a esta proposta cultural nas parroquias: “queremos animar a toda a veciñanza, non só das parroquias senón todas aquelas persoas que queiran divertirse, pasar un bo rato e coñecer e recoñecer as parroquias do noso concello, seguro que o pasaremos moi ben”.

Exit mobile version