Site icon Crónica3.com A Mariña

Descuberta unha placa en homenaxe a Víctor Moro no peirao de Ribadeo

Ribadeo, 22 de abril de 2023. No peirao ribadense foi descuberta esta mañá unha placa en homenaxe a Víctor Moro. Familiares, amizades e representantes da Corporación Municipal asistiron ao acto, que pechou a Coral Polifónica de Ribadeo interpretando o himno galego.

Na súa intervención o alcalde, Fernando Suárez, lembrou que “facemos este acto protocolario de recoñecemento, cumprindo o acordo plenario que para tal fin solicitou o grupo do Partido Popular de Ribadeo e ao que, como non podía ser doutro xeito, o resto da Corporación se adheriu desde o primeiro momento”.

O rexedor sinalou: “lembramos tamén que o Concello de Ribadeo nomeou a Víctor Moro Fillo Predilecto en 2012, do que esta nova distinción é continuidade obrigada, despois do seu pasamento en 2021. Plantexamos varios emprazamentos para visibilizar o seu nome no rueiro e na memoria colectiva dos que de aquí somos e dos que aquí veñen. E, inspirados na súa personalidade aberta, dialogante, transversal e con vontade de poñerse no lugar do outro, pois escollemos entre todos este fermoso lugar. A fachada principal do peirao de Porcillán, lugar onde el se criou, lugar onde el acudía sempre que volvía a Ribadeo e atalaia marabillosa para admirar outra das súas grandes paixóns: A Ría de Ribadeo”.
Suárez Barcia subliñou: “dedicarlle un espazo público á figura de Víctor Moro é un acto de xustiza pois como se ten dito aquí son moitos os motivos profesionais, familiares e sentimentais que o unen á nosa vila, ao noso concello, e, por riba de todos, o feito de el expresar esa unión, esa fidelidade á terra que o viu nacer, en reiteradas ocasións ao longo da súa vida”.

O alcalde ribadense indicou: “estamos nunha sociedade na que ás veces o éxito profesional ou económico convértese no fin último da existencia e non en poucas ocasións supón tamén unha fuxida, cando non un rexeitamento da propia orixe. As galegas e galegos sabemos moito diso. Non foi este o caso de Víctor Moro Rodríguez. Sabémolo a pouco que leamos sobre el, e puidemos comprobalo os que asistimos ao acto que tivo lugar no Teatro con motivo do traslado das súas cinzas á súa vila natal vai facer un ano neste mes de agosto. Alí falouse da súa amizade desde a infancia con Toto Mera, Pepe Parga ou Pancho Ledo. Da súa relación con Dionisio Gamallo, Leopoldo Calvo Sotelo, Daniel Cortezón e outros veciños e veciñas cuxos nomes non saen nos xornais. Quen sostén eses vínculos toda unha vida, quen lle transmite eses nomes aos seus fillos demostra unha unión orgullosa coa vila á que pertence”.

Fernando Suárez manifestou que “para nós esta cuestión, a emocional, non é un trazo menor da personalidade de quen hoxe nos convoca aquí á parte, claro está, dese currículo impresionante que o vincula ao Banco de España por unha banda e pola outra a Pescanova e ao sector da pesca en xeral. Recollo agora un feito que tivo lugar o 15 de febreiro de 1978, dez meses antes de aprobarse a actual Constitución española. Interviña Víctor Moro nas Cortes do Estado co motivo da defensa do acordo pesqueiro hispano-marroquí o primeiro dos acordos asinados co Reino de Marrocos. Na súa intervención diría: «O noso gran patricio Castelao deixounos o legado das ensinanzas dos seus anos de loita pola redención do pobo de Galicia”. Para continuar : «Hoxe, Galicia continúa agardando, e como parlamentario galego pídolle ao Goberno a inmediata concesión do réxime preautonómico para a terra galega en xusto recoñecemento as súas peculiaridades».

No peirao de Ribadeo Fernando Suárez dixo: “oxalá a nosa terra se impregne das arelas deste galeguista liberal, cun sólido discurso moi recente e moi válido nestes tempos que vivimos. Fomos e somos fonte de creación de recursos enerxéticos. Hai decenios fómolo coa forza da auga e a construción de encoros que asolagaron vales e pobos. Hoxe sómolo coa forza do vento para xerar unha electricidade que sigue emigrando para fóra recibindo a cambio unha pequena esmola en contraprestación co impacto ocasionado ao territorio”.

E engadiu: “fago miñas as palabras deste outro grande patricio ao que hoxe rendemos homenaxe para que a nosa terra sexa dona dos seus sectores enerxéticos e que como tal, tributen aquí e xeneren riqueza onde se crean. Como alcalde, remato con estas palabras a miña intervención no convencemento de que todos e todas, nomeadamente quen nos dedicamos á política, temos un papel activo no futuro económico, social, cultural dese pobo do que falaba Castelao, e que Víctor Moro defendía brillantemente coas súas palabras e cos seus feitos”.

Exit mobile version