Site icon Crónica3.com A Mariña

“Dous médicos e medio para máis de 4.200 veciños en Cervo, esta é a xestión sanitaria do PP”, afirman os socialistas

“Emprazamos ao Concello de Cervo a que inste á Consellería de Sanidade para que cubra a totalidade do cadro de persoal dos dous centros de saúde de Cervo”, dixo Luján Ramos

Cervo, 5 de abril de 2023. A candidata socialista á Alcaldía do PSdeG en Cervo, Luján Ramos, denunciou hoxe a precarización e os recortes sanitarios que padecen os veciños do municipio. Lembrou que no centro de saúde de San Cibrao “recortaron no ano 2013 un dos tres facultativos que lle corresponde e, a día de hoxe, aínda non o recuperou. Unha situación crítica que está afectando gravemente á veciñanza”.

“Non podemos consentir esta situación. Os veciños de Cervo non merecemos este trato e demandamos que remate esta práctica de parcheo. Por iso, emprazamos ao Concello de Cervo a que inste á Consellería de Sanidade para que cubra a totalidade do cadro de persoal dos dous centros de saúde”, incidiu.

Estas últimas semanas, no centro de saúde de Cervo “só hai un médico a media xornada, xa que falta a partir de mediodía, e as citas que están reprogramando son para 4 a 8 días despois ou, directamente, non se avisa ós doentes e encóntranse coa cita anulada e sen nova cita asignada. A todo isto hai que engadir que os facultativos que están prestando o servizo veñen dos PAC (Burela ou Viveiro) e non coñecen a situación dos doentes, sendo aínda máis dificultosa a diagnose dos usuarios”.

Luján Ramos explicou que o centro de saúde de San Cibrao tiña 3 médicos, “pero debido as xubilacións, baixas e vacacións, chegou a ter só un. Polo tanto, entre os dous centros de saúde de Cervo só había dous médicos, cando tiña que haber 1 en Cervo, e 3 San Cibrao. Estas son as contas do PP: deixar sen médico dous días á semana ó centro de saúde Cervo para trasladalo a dar consulta a San Cibrao”.

“Esta é a xestión sanitaria do PP nun concello de máis de 4.200 veciños, onde actualmente só hai dous médicos e medio. Ademais, toda esta situación agrávase coa chegada do verán, xa que a poboación increméntase e a atención sanitaria aínda é máis deficiente”, dixo Luján Ramos.

Exit mobile version