Site icon Crónica3.com A Mariña

Inaugurada en Lourenzá unha exposición sobre os xogos e xoguetes de Fernández del Riego

A exposición foi creada polo museo “O recuncho das argalladas”, entidade con sede en Vilanova de Lourenzá e integrada no Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, e a Mesa Coordinadora Don Paco Letras Galegas 2023 de Lourenzá

Lourenzá, 22 de abril de 2023. A exposición “Don Paco, o pícaro argalleiro” foi inaugurada este sábado nas instalacións do Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá. Trátase da primeira ocasión na que, dentro da programación de actividades dun Día das Letras se inclúe unha exposición que reúne os xogos e xoguetes que formaron parte da vida do autor homenaxeado.

A exposición recolle, previo estudo da obra de Francisco Fernández del Riego, os xogos e xoguetes citados por el como parte da súa crianza. Foron Xosé López e Xosé Manuel García, responsables do museo “O recuncho das argalladas”, radicado no Pazo de Tovar, na mesma Lourenzá, as persoas que decidiron acometer este ambicioso, e sobre todo orixinal, proxecto.

As persoas promotoras son recoñecidas en Galicia e fóra das súas fronteiras como dous dos principais estudosos, na actualidade, sobre o xoguete tradicional. A información que reflicten os paneis que conforman a exposición foi recompilada, como dicimos, previa consulta da obra do autor, pero todo parte dos “prólogos” que don Paco escribiu para dous dos libros con autoría de Xosé López e Xosé Manuel García: Os Xoguetes esquecidos, vol. I e II.

O Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego non pode facer outra cousa que saudar a iniciativa e agardar que perdure no tempo, en futuros Días das Letras, porque hai unha realidade evidente: calquera autor, calquera autora homenaxeada, terá xogado de neno/a

Exit mobile version