Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez asegura que a Autoridade Portuaria leva anos facéndose a preguiceira para arranxar o viairo que vai desde a Praia de Rocas ata a Illa Pancha, da que é titular

Ribadeo, 14 de abril de 2023. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, referiuse hoxe á estrada que vai desde a praia de Rocas ata a Illa Pancha, que é titularidade da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao. O rexedor subliñou que esa entidade leva anos facéndose a preguiceira para arranxar ese viario e advirte que non será unha realidade ata o ano 2024. O equipo de goberno reciclou un vello cartel para avisar ao público e chamar a atención do que cualifica como inxustiza.

Suárez Barcia explicou: “reciclamos un vello cartel para avisar ao público e chamar a atención dunha inxustiza que se entende mellor cando se comparan as cousas do que fan unhas administracións e do que facemos outras. Resulta que a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, entidade estatal con presidencia designada pola Xunta de Galicia, é titular da Illa Pancha e do seu acceso desde a Praia de Rocas, e leva varios anos facéndose a preguiceira para arranxar ese viario de acceso que se atopa nun pésimo estado de conservación”.

O alcalde ribadense lembrou que “pedímosllelo formalmente hai xa varios anos cando empezabamos a proxectar, no noso ámbito, a mellora da estrada do faro e a creación do carril-bici. Pedímoslle que o continuase no seu terreo ata precisamente a Illa Pancha. Esta entidade esixiunos os terreos necesarios e os permisos para ese ensanche. Conseguímolos e xa llelos trasladamos hai moito tempo”.

Fernando Suárez seguiu a relatar: “pero o tempo pasa, e vemos que os tempos de reacción para amañar as infraestruturas de uso público e común non teñen a mesma prioridade que a inquina que tiveron en non abrir a porta da Illa Pancha, tendo que o Concello chegar a desmontala. Por certo, desde aquela son xa milleiros de persoas as que se teñen achegado á Illa Pancha, dentro da súa liberdade de uso como o resto do litoral”.

O rexedor engadiu: “gustaríanos pensar que as obras de mellora deste acceso se foran facer de seguido, pero moito nos tememos polas vagas respostas e evasivas varias que aló no 2024 as obras serán realidade. Incluso máis tarde que a desmontaxe das torretas de alta tensión, que tamén levou o seu, despois dos interminables permisos e autorizacións administrativas que houbo que conseguir, por fin a empresa eléctrica xa está executando nas obras”.

Exit mobile version