Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro da luz verde ao plan de humanización da rúa do Porto de Celeiro

Viveiro, 22 de abril de 2023. O Concello de Viveiro presenta o Plan de Humanización do Porto do Celeiro, unha renovación integral que inclúe a pavimentación e renovación de servizos da rúa.

Trátase dun proxecto cun custe económico importante, que abarca unha zona moi ampla entre o tramo dende a Praza do Náufrago ata a Casa do Gardapeiraos, de ahí que o goberno local intensificase os acordos de colaboración con outras administracións.

Finalmente será a Deputación de Lugo a que asinará o convenio para levar a cabo esta rexeneración de toda a fronte marítima de Celeiro, cunha achega de 544.000 euros que se fará en dúas anualidades (2023 e 2024).

O 20% restante, uns 136.000 euros, serán aportados polo propio Concello de Viveiro.
O acto da firma deste convenio de colaboración entre o Concello de Viveiro e a Deputación de Lugo farase esta semana.

O proxecto contempla o movemento de terras e demolicións, a reposición da rede de saneamento, pluviais, abastecemento e alumeado público, así como a canalización da electricidade, as telecomunicacións, a dotación de xardinería, mobiliario urbano e sinalización horizontal e vertical da vía.

“É unha obra imprescindible para mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas de Celeiro. Mantendo o espíritu e a esencia mariñeira tan característica da zona, levaremos a cabo unha renovación integral dunha das áreas máis dinámicas do concello, renovando os seus servizos e cumprindo as demandas veciñais”, subliña a alcaldesa María Loureiro.

Exit mobile version