Site icon Crónica3.com A Mariña

O debate proposto por 19 asociacións de Barreiros, non se celebrará ao non aceptar participar o candidato do Partido Popular

Barreiros, 26 de abril, 2023. 19 asociacións barreirenses adheríronse á iniciativa de promover un debate público e democrático entre as 3 formacións políticas que presentan candidatura ás eleccións municipais do 28 de maio ao Concello de Barreiros: PP, BNG e PSOE.

O candidato do PP e as candidatas do PSOE e BNG, recibiron en man o venres 21 de abril as cartas de convite, e dispoñían ata as 18h. deste martes, 25 de abril para responder coa aceptación ou non aceptación a participar no debate.

As candidatas do PSOE, Maria Carmen Veiga; e BNG, Ana Ermida, devolveron a súa aceptación asinada no mesmo momento da entrega, o venres 21.

O candidato do PP, José Manuel Gómez Puente, agardou ata a hora tope deste mesmo martes para comunicar a súa decisión, informando telefonicamente que non participaría no debate proposto.

Unha das condicións para que o debate tivera lugar era contar coa aceptación das tres partes convidadas. Ao non ser así, a iniciativa non segue adiante. A organización do debate lamenta que, unha vez máis, ocorra como en vésperas dos comicios municipais do 2015 e 2019 cando xa fora promovida esta mesma iniciativa e tampouco se puido levar a cabo pola negativa de Alfonso Fuente Parga, tamén candidato polo PP.

O conxunto das 19 asociacións agradecen a boa disposición das candidatas do PSdeG-PSOE e BNG, así como tamén a colaboración mostrada por xornalistas dos medios El Progreso e La Voz de Galicia convidados a participar como preparadores e moderadores dunha iniciativa que dende o primeiro momento se deseñou e levou a cabo tendo presente o rigor e respecto que merecen este tipo de actos públicos.

Exit mobile version