Patricia Otero critica que “non teñen ningunha vontade de diálogo nin negociación” logo de tres anos de “mentiras” aos traballadores
Otero lembrou o informe do Consello de Contas, que alertaba da “inflación de postos directivos” do ente, que segundo os datos de 2019 conta cunha plantilla de 110 traballadores e traballadoras, dos que só 41 son celadores e gardapeiraos, o posto central para a xestión das 122 instalacións portuarias da súa competencia.
Explicou que esta figura é a encargada de supervisar, vixiar, velar polo cumprimento das tarefas da policía de Portos, o control de acceso de persoas e vehículos, a carga e descarga, o control a superficie, a seguridade, a pesaxe das básculas e o control da facturación das taxas portuarias. Advertiu que con apenas 41 celadores é imposible controlar os 122 portos, polo que o goberno galego comezou a esixir traslados, pero sen pagar o desprazamento.
Aludiu ao caso dos celadores gardapeiraos itinerantes, aos cales a xustiza lles recoñeceu o dereito a cobrar desprazamentos, e para eludir o cumprimento destas sentenzas e non pagar eses desprazamentos, Portos “sacou da chisteira os cadros de frecuencia, privando así a capacidade e autonomía que tiñan os itinerantes para supervisar os portos que teñen adscritos”.
Esta é só unha mostra dos problemas que teñen enrarecido o ambiente laboral, cunha xerencia que nega flexibilidade horaria, suprime o horario de verán, provoca agravios comparativos, modifica os horarios en avisar e non recoñece a antigüidade.
Acusou á presidenta de Portos de non facer nada para resolver a situación, máis alá de anunciar, en 2020, que comezaban co procedemento de elaboración da Relación de Postos de Traballo, que en abril de 2023 “aínda non é unha realidade”. Criticou que leven 3 anos de “reunións sen ningún tipo de vontade negociadora”, mentres lle botan a culpa aos traballadores do ente.