Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz acusa ao goberno local de esquecerse da Frouxeira

O PP defenderá nunha iniciativa no próximo pleno a mellora do alumeado público de Santa Cecilia

Foz, 21 de abril de 2023. Os socialistas teñen no seu prontuario de temas para saír do paso o da participación dos cidadáns nos asuntos públicos. Pero cada ano que pasa, alí onde gobernan, demostran que o da participación só é relato. Compróbase ben no Concello de Foz, no que, segundo sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, as asociacións de veciños, especialmente as das parroquias, reclaman con insistencia a apertura de canles reais para intervir nos asuntos públicos que lles afectan directamente. Castiñeira sinala: “É necesario dar moita máis participación ás asociacións veciñais, especialmente ás das parroquias. Esta conclusión sacámola despois de reunirnos coa maior parte delas e de facelo coa de Santa Cecilia; demandan máis participación, queren reunións máis frecuentes co Concello, para participar na toma de decisión que afectan directamente aos veciños das parroquias, en todos aqueles arranxos e investimentos que se vaian facer, tanto con cargo aos orzamentos municipais como do Plan Único”. Castiñeira, por outro lado, despois da reunión coa asociación de Santa Cecilia, asegura que “o bipartito esqueceuse da Frouxeira, que hoxe ten moitos motivos para o pranto polo abandono no que está”.

O portavoz e candidato popular á alcaldía di que os colectivos veciñais “queren ser informados e é lóxico, porque as asociacións son un brazo importante na representatividade dos veciños e a hora de transmitir ao Concello as súas necesidades”.

Os populares destacan que, no caso concreto da asociación de Santa Cecilia, pon de relevo “que é moi necesario o mantemento das instalacións, tanto do local social, que precisa melloras, como das áreas recreativas como da Frouxeira, que non se roza adecuadamente e non ten os accesos como debería telos, porque é moi utilizada”.

Castiñeira di: “Outra inquedanza dos veciños é o cumprimento da ordenanza en canto ás distancias con respecto á plantación de arboredas; na época de incendios é moi necesario que se cumpran estritamente esas distancias. Outros temas que expuxeron foi o das rozas, que non son adecuadas, e as deficiencias do alumeado público, deficiencias que trasladaremos nun rogo no próximo pleno”.

Exit mobile version