Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP incorpora a Remedios Gallo como número 3 da candidatura ás eleccións municipais en Lourenzá

O alcaldable, Roberto Díaz, destaca “a súa profunda implicación con Lourenzá, o noso patrimonio e a actividade social e cultural laurentina”

Lourenzá, 5 de abril de 2023. O PP de Lourenzá contará con Remedios Gallo como número 3 da candidatura ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Así o explica o candidato, Roberto Díaz, que destaca “a súa profunda implicación con Lourenzá, coa posta en valor do noso patrimonio e coa actividade social e cultural do municipio”.

Entre as propostas do Partido Popular para mellorar Lourenzá, Remedios Gallo sinala “a promoción seria do patrimonio histórico” e, nese sentido, aposta por “consensuar co Obispado e as distintas administracións a rehabilitación urxente do mosteiro de San Salvador para usos inmediatos”.

Tamén subliña a importancia de “impulsar o Camiño de Santiago no noso concello” e propón “crear a Ruta do Conde Santo -peregrino por excelencia das terras da Mariña- e a de Julia Minguillón -para evitar o paso dos veciños pola estrada de Villapol/A Cazolga-”. Así mesmo, defende a creación dun museo municipal sobre a historia da vila e das parroquias porque “é a mellor forma de dar a coñecer o que temos para a súa promoción e publicidade”. Esta proposta complementaríase co deseño e difusión de “rutas de visitas desde a vila ás distintas parroquias para dar a coñecer o noso patrimonio”.

Gallo defende a transparencia e a participación cidadá. Nese sentido, destaca o papel das novas tecnoloxías para facer chegar información aos veciños e veciñas. Por unha banda, os populares apostan por poñer a disposición dos laurentinos os temas abordados en cada pleno; e, por outra, o proxecto do PP laurentino recolle a creación dunha plataforma web de participación veciñal que tamén dea difusión ás actividades das asociacións. Así mesmo, contemplan actividades dirixidas aos máis maiores sobre o uso das novas tecnoloxías.

E, pensando nos mozos e mozas, defende a creación dunha oficina de participación xuvenil; un espazo público público para as actividades xuvenís; un servizo de asesoramento sobre asociacionismo, emprego, vivenda, saúde, mobilidade ou becas; e un programa de actividades xuvenís ao longo do ano para cada parroquia.

“Creo firmemente que o PP de Lourenzá está preparado para realizar unha xestión axeitada e honrada para impulsar o Concello con iniciativas serias en relación a temas sociais, culturais e económicos que se precisan”, asegura.

CURRÍCULO

Remedios Gallo Fernández traballa na Administración de Xustiza. É técnico superior de Administracións e conta con estudos en criminoloxía. Tamén é monitora de ocio, tempo libre e animación sociocultural.

Foi presidenta das asociacións Osorio Gutiérrez e Patrimonio Laurentino dende os seus inicios. Tamén presidiu o grupo de teatro Osorio Gutiérrez e colabora con Trangalleiros; ademais de participar na elaboración do Belén na igrexa laurentina e na organización das Festas do Conde Santo.

Igualmente, participa xunto a un grupo de veciños na promoción da Romaría da Gracia, co fin de conservar e rehabilitar a capela do mesmo nome. Sobre este lugar sinala que “o teño presente dende a miña nenez pola devoción familiar. É unha capela dunha soa nave con columnas románicas a ambos lados procedentes da antiga igrexa monacal co escudo policromado que contén o blasón do mosteiro fundador”.

Exit mobile version