Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG-PSOE de Foz abordou coas Asociacións de Veciños San Acisclo, Fazouro e Marzán as necesidades e demandas dos veciños

Foz, 24 de abril, 2023. O alcalde e candidato Fran Cajoto valora moi positivamente o traballo das asociacións, que “non só demandan melloras nas infraestruturas e servizos, senón que tamén traballan activamente programando actividades de todo tipo”.

“Somos un goberno de escoita e preocúpannos moito as necesidades e demandas dos colectivos veciñais. Esta pasada semana mantivemos reunións coas directivas das Asociacións de Veciños Río Ouro de San Acisclo, Santiago de Fazouro e O Torques de Marzán. Aínda que levamos catro anos de goberno colaborando de forma moi estreita coas asociacións, creemos moi necesario falar abertamente das necesidades de cara á próxima lexislatura: agradecemos moito a acollida de todas elas”.Destacou o alcalde e candidato polo PSdeG Fran Cajoto.

Nas reunións tratáronse iniciativas destes últimos catro anos relativas a infraestruturas -como o desenrolo da fibra óptica de alta velocidade en todo o territorio-, culturais –con actividades nas parroquias como o “Cine na Rúa”, colaboración coas distintas festas ou máis recentemente o “Teatro nas Parroquias” con recoñecidos monologuistas galegos- ou sociais –programación de gran variedade cursos organizados polo Concello-.

“Desde o inicio do goberno vimos moi importante investir nas parroquias en tódolos ámbitos: estamos a falar de 4500 habitantes que estiveron abandonados no anterior goberno”.- destaca Fran Cajoto.

SAN ACISCLO
Ensanchouse a estrada LU-P-0210 a Alfoz con novas beirarrúas, grazas á Deputación e sobre todo ao enorme traballo da Asociación de Veciños ampliouse a Escola, que agora ten unha enorme vida social e constitúe o centro da parroquia. Substituíronse luminarias, aglomeráronse camiños nas Abidueiras e no Outeiro, abríronse e melloráronse camiños no monte, asfaltouse no Redondo e está proxectado o aglomerado desde o Redondo ata a estrada a Ferreira. A Asociación de Veciños demandou entre outras medidas continuar coa mellora de alumeado e camiños e avanzar no saneamento pendente.

FAZOURO
Construíuse unha nova escollera na desembocadura do río Ouro dando continuidade ao paseo do Cantábrico, rematouse a baixada á praia de Arealonga, susbstituíronse luminarias, acondicionouse o paseo do río Ouro, asfaltáronse camiños na Granda, aglomeráronse viais en Vilarmea, Lousada e no Morgallón, procedeuse á limpeza e desbroce do parque empresarial, acondicionouse o camiño do monte que sube desde a Casanova, reacondicionouse a área recreativa da Pampillosa e está en execución o paseo marítimo Peizás – Pampillosa. No tocante á cobertura móbil entre Fazouro e San Acisclo, estase traballando para a instalación dunha nova antena que solucione o problema. A Asociación de Veciños reclamou melloras no alumeado especialmente na Ponte de Ferro, a mellora na seguridade desta área recreativa – que está pronta a facerse-, a mellora no firme de varios camiños e a limpeza e dragaxe da canle da desembocadura do río Ouro entre outras cuestións.

MARZÁN
Mellorouse na mobilidade con actuacións como a nova rampla peonil entre as rúas do Cemiterio e do Asilo, construíuse unha senda que permite acceder a Álvaro Cunqueiro desde o Cristo, aglomeráronse distintos viais como a rúa Fiallega, a rúa do Cemiterio, a rúa da Báscula, Prado vello e Pena Parda, posibilitouse o remate da beirarrúa entre Torques do Castro e rúa do Vicedo e están contratadas por Costas as obras de estabilización dunar da praia de Llas que comezarán nun breve prazo. A Asociación de Veciños trasladou demandas que o PSdeG considera prioritarias como a reorganización semafórica da Fonte de Marzán ou a renovación do parque infantil. Tamén incidiron na necesidade de sendas seguras para os peóns nas rúas do Vicedo e Torques do Castro, a mellora no mantemento de cunetas e sumidoiros, un mellor coidado na baixada de Llas por Cú do Castro ou un local social de maiores dimensións.

Exit mobile version