Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE potenciará as deputacións dotándoas de máis fondos, como leva reivindicando o secretario xeral na provincia neste mandato

José Tomé Roca participou este domingo na aprobación do Programa Marco dos socialistas para as eleccións municipais e na clausura da Conferencia Municipal de Valencia a cargo de Pedro Sánchez, un acto que reuniu a milleiros de persoas no Palacio das Artes e das Ciencias

Valencia, 16 de abril de 2023. O carácter municipalista do PSOE saíu reforzado na conferencia celebrada este fin de semana en Valencia, na que o partido, dentro do Programa Marco para as vindeiras eleccións locais do 28 de maio, acordou potenciar o papel das deputacións dotándoas de máis recursos económicos e persoal.

Os socialistas cumpren deste forma coa reivindicación que leva realizando o Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, durante todo este mandato 2019-2013, sobre todo no seo da Comisión de Deputacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), da que forma parte como presidente da institución provincial lucense.

“As deputacións xogamos un papel indispensable para que os concellos, sobre todo os máis pequenos, poidan ofrecer os servizos básicos ós seus veciños e veciñas, e mellorar as súas dotacións, polo tanto, para avanzar cara a cohesión social, a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial”, subliñou José Tomé, quen por elo enxalzou o acordo que o PSOE vén de adoptar para potenciar as entidades provinciais.

Para que cumpran con maiores garantías este papel, o Partido Socialista acordou impulsar unha nova lexislación reguladora da Administración local que reforce a autonomía municipal e potencie o papel das deputacións dotándoas de competencias propias como parte do goberno; a adaptación permanente das administracións provinciais a unha realidade en constante cambio para favorecer a eficacia e a eficiencia; e a dotación financeira suficiente a través de medidas lexislativas que supriman a regra de gasto e a limitación da reposición de efectivos nas plantillas, permitindo que dispoñan dos medios materiais e persoais necesarios para o bo exercicio das súas competencias.

Así mesmo, entre outras medidas, os socialistas aprobaron promover un novo marco de revisión e regulación do sistema de participación nos ingresos do Estado; a participación das deputacións nos tributos das comunidades autónomas; establecer de novo a cooperación económica do Estado nos investimentos dos plans provinciais de cooperación de obras e servizos; e instar a través do Goberno de España á Comisión Europea a que nos fondos de desenvolvemento rexional se cree unha reserva específica para loitar contra o despoboamento, que sería xestionada polas deputacións, cabidos e consellos insulares en coordinación cos concellos afectados.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia participou este domingo na aprobación do Programa Marco dos socialistas para as eleccións municipais e no acto de clausura da Conferencia Municipal de Valencia a cargo do Secretario Xeral do PSOE e Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, un acto que reuniu a milleiros de persoas de todo o país no Palacio das Artes e das Ciencias.

Exit mobile version