Site icon Crónica3.com A Mariña

“Oposición construtiva”, por Marta Rey

Está a piques de rematar o mandato municipal que empezou en 2019 e agora é o momento de facer balance do que ocorreu na corporación de Ribadeo durante estes catro anos.

Os representantes do Partido Socialista fixemos unha oposición seria, sensata e construtiva, presentando iniciativas (mocións, rogos e preguntas) con propostas en positivo e tamén con críticas o ao goberno local cando era oportuno. Este labor levámolo a cabo nos órganos da corporación municipal, que é onde corresponde, porque a nosa intención é mellorar Ribadeo e que avance. Non nos dedicamos, como si fixeron outros, á crítica destrutiva a través dos medios de comunicación que, coa intención de intentar desgastar ao goberno municipal, o que conseguiu en moitas ocasións foi deteriorar a imaxe de Ribadeo e polo tanto prexudicar ao seu sector hostaleiro e comercial.

Ocupámonos de xestionar ante outras entidades, como as que dependen da Deputación de Lugo e do Goberno de España, numerosas e importantes actuacións que contribuíron a mellorar Ribadeo en diferentes aspectos: estradas, praias, axudas a diferentes colectivos, etcétera. Non nos dedicamos, como si fixeron outros, a vender fume e a propiciar enfrontamentos doutras administracións co Concello de Ribadeo, situación que prexudica aos nosos veciños e veciñas.

Non entramos nas pelexas entre algúns profesionais da política que houbo durante este mandato no Concello de Ribadeo; continuas liortas, moitas veces con sobreactuacións, que non aportan nada positivo aos ribadenses e que lles fan sentir vergoña ao ver a algúns dos seus representantes escenificando eses papeis tan pouco edificantes.

Os socialistas estamos orgullosos do noso traballo porque sempre fixemos o que consideramos que era mellor para o conxunto dos ribadenses.

Marta Rey (voceira do PSOE no Concello de Ribadeo)

Exit mobile version