Site icon Crónica3.com A Mariña

Touriñán chega este venres a Burela co espectáculo ‘Aquí Tou!’

O cómico ofrecerá o seu monólogo máis persoal este venres, 14 de abril, na Casa da Cultura de Burela, a única parada da xira na Mariña lucense. As entradas están á venda en aquitou.gal

A Coruña, 10 de abril de 2023. O humorista Xosé A. Touriñán iniciou neste mes de abril a xira por Galicia do monólogo ‘Aquí Tou!’, unha peza moi persoal na que, a través do humor, convida ao público a facer un percorrido polos momentos vitais que o levaron a ser quen hoxe é.

Tralas funcións do arranque de xira do Grove, a segunda parada do monólogo de Touriñán é en Burela, que acolle a única función do espectáculo na Mariña lucense. Será o vindeiro venres, 14 de abril, ás 20:30 horas na Casa da Cultura. As entradas para o espectáculo están á venda en aquitou.gal a un prezo desde 12 euros.

En Aquí Tou!, o cómico fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Momentos chave do seu camiño vital cos que, como galegos, nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que inclúe a serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, o levaron a ser que hoxe é. Ata o mes de xuño, ‘Aquí Tou!’ estará tamén en Noia (23 de abril), Ponteareas (7 de maio), Cangas (13 de maio), Lalín (27 de maio) e Catoira (3 de xuño).

Exit mobile version