Site icon Crónica3.com A Mariña

Un paso máis para o novo centro de saúde de Ribadeo

Ribadeo, 18 de abril de 2023. Hoxe o DOG publica o anuncio polo que se aproba inicialmente a modificación puntual do PXOM en solo urbano para conseguir nun futuro próximo os terreos nos que se construirá o novo centro de saúde de Ribadeo, segundo informou neste día o alcalde, Fernando Suárez. Ábrese agora un prazo de dous meses de exposición pública.

O rexedor declarou que “continuando cos trámites preceptivos e obrigatorios, hoxe sae publicado no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se aproba inicialmente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal para conseguir nun futuro próximo os terreos necesarios para a construción dun novo centro de saúde en Ribadeo”.

Suárez Barcia lembrou que “o pasado 4 de abril a Corporación de xeito unánime acordou este expediente de modificación puntual do plan de ordenación municipal e tamén un estudio ambiental estratéxico, que son as cuestións preceptivas que sinalan as leis do solo de Galicia, etcétera. E agora durante 2 meses toda aquela persoa que queira examinar este expediente pode facelo, ben nas dependencias municipais ou tamén nas sedes electrónicas do Concello, no enderezo ribadeo.gal. Todas aquelas persoas que teñan interese ou que queiran presentar alegacións pódeno facer durante todo este tempo”.

O alcalde subliñou que “isto é o resultado dos compromisos que o Concello de Ribadeo adquiriu coa Xunta de Galicia nos meses anteriores, logo de que a propia Consellería de Sanidade manifestara a intención de que Ribadeo tivera un novo centro de saúde. Nosoutros no seu momento indicámoslles se non era mellor rehabilitar o que había e dixeron que non, que preferían facer un novo. Buscáronse e ofrecéronselles varias ubicacións posibles e dentro desas foi esta a que escolleron. E desde aquela puxémonos mans á obra, pero sabemos que as modificacións do planeamento urbanístico levan o seu tempo, hai trámites sectoriais que hai que cumprir, sobre todo doutras consellerías e doutros instrumentos autonómicos, pero estamos traballando sen pausa para poder ter os terreos canto antes”.

Fernando Suárez engadiu que “á marxe desta publicación deste anuncio de modificación do Plan Xeral tamén desde o Concello estamos habilitando os fondos necesarios para cando veña a seguinte fase, que será xa a de expropiación”.

Exit mobile version