Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro acolle este sábado unha charla sobre o programa “Vacacións en Paz” de acollida de nenos e nenas saharauis

Viveiro, 26 de abril de 2023. O Concello de Viveiro volve sumarse á iniciativa “Vacacións en Paz”, o proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto que en Galicia desenvolve Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), a petición expresa do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

Co fin de ofrecer información sobre o seu desenvolvemento, este sábado día 29, a partir das 11:00 horas, o baixo da Biblioteca Municipal acolle unha charla impartida por Manuela Pacín, vicepresidenta de SOGAPS na provincia de Lugo, na que se detallarán os pormenores do acollemento, os requisitos precisos, e se darán resposta a todas as dúbidas.

Dende o ano 1996, Viveiro forma parte desta iniciativa solidaria que permite ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras da vila.

“Dende o goberno local levamos moito tempo comprometidos con este proxecto. Creemos que a solidariedade e a cooperación son parte das nosas responsabilidades ao tempo que vemos nesta iniciativa unha oportunidade tamén para achegarnos e aprender de culturas diferentes”, subliña a alcaldesa María Loureiro.

Despois de dous anos de parón debido a pandemia, o pasado ano retomouse o proxecto en Viveiro coa chegada dunha menor. A concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde, transmite a súa gratitude para estas familias viveirenses. “Trátase dunha experiencia de convivencia única e tremendamente enriquecedora, tanto para os nenos, nenas e adolescentes acollidos, como para as familias que os/as acollen, tal e como elas e eles así me trasladaron ao longo de toda a miña implicación neste proxecto”, engade a edil.
As “Vacacións en Paz” permiten facilitar á rapazada atención sanitaria completa e preséntanse nun marco de solidariedade e axuda desinteresada.

Trátase de ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharauí.

Exit mobile version