Site icon Crónica3.com A Mariña

A Autoridade Portuaria reforza a súa aposta por Expomar cunha caseta propia na XIX edición da feira nautico-pesqueira

O organismo portuario presentará as posibilidades que ofrece a terminal de Yilport para o sector pesqueiro a través da liña de contedores reefer para dar saída a produtos frescos e conxelados

Ferrol, 9 de maio de 2023. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao estará presente na feira Expomar, en Burela, con caseta propia reforzando así o apoio que historicamente leva prestando ao certame que se converteu nun referente do mundo da pesca en toda a cornixa cantábrica e norte de Portugal.

A caseta, de 50 metros cadrados, mostrará os servizos cos que conta o organismo portuario, con especial atención á terminal de contedores, que se presenta como unha oportunidade para o sector pesqueiro. A terminal, xestionada por Yilport, dispón dunha liña con contedores reefer, especialmente deseñados para os produtos frescos e conxelados, polo que abre unha nova vía para dar saída aos produtos relacionados coa pesca.

O certame, que será inaugurado mañá pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, contará coa presenza do presidente do organismo portuario, Francisco Barea. Deste xeito, materialízase o compromiso adquirido pola Autoridade Portuaria de reforzar a colaboración coas distintas acti- vidades que realiza Expomar que pretende dar un impulso ao certame tras o parón provocado pola pandemia.

A XIX edición da feira nautico-pesqueira de Burela amplía os días de celebración e estará aberta do 10 ao 13 de maio, incrementando a superficie expositiva a máis de 5.000 metros cadrados e co obxectivo de superar o volume de negocio de antes da pandemia, tomando como referencia o 2019.

Expomar se converteu nunha plataforma de comunicación entre a administración, os empresarios do mar e os profesionais que traballan nel. A colaboración da Autoridade Portuaria reflicte un firme compromiso co sector pesqueiro e o desenvolvemento da Mariña.

Exit mobile version