Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleira Ángeles Vázquez respaldou os proxectos de melloras urbanísticas e medioambientais dos candidatos populares de Valadouro, Alfoz e Mondoñedo

Vázquez abordou cos candidatos proxectos incluídos nos seus programas electorais e que teñen relación directa co seu departamento, entre eles os centrados na rehabilitación

Lugo, 16 de maio de 2023. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, arroupou na xornada de hoxe aos candidatos populares nos concellos de Valadouro, Alfoz e Mondoñedo, xunto co coordinador xeral do Partido Popular da provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, deputado autonómico. A conselleira abordou cos candidatos distintas cuestións do seu departamento de interese para os concellos que visitou.

Vázquez iniciou o recorrido pola Mariña no Valadouro, onde compartiu co aspirante popular a alcaldía, José Manuel Lamela, un reparto de información electoral. Lamela indicou que, se ten a confianza dos seus veciños e veciñas e goberna, buscará na consellería todas as posibilidades para conseguir fondos para rehabilitación urbanística, incluída unha declaración de área de rehabilitación integral (ARI). O coordinador xeral do PP provincial, José Manuel Balseiro, destacou a importancia das iniciativas deseñadas por Lamela e o seu equipo, que constitúen unha peza clave para o futuro do Valadouro. Lembrou que son fórmulas que compatibilizan a acción institucional coa privada, con subvencións que cobren unha gran parte do investimento privado.

ALFOZ: URBANISMO E VIVENDA
Polo seu lado, o candidato á alcaldía de Alfoz, Juanjo Fraga, aproveitou o mitin celebrado esta tarde no restaurante O Frenazo para dar a coñecer as grandes liñas do seu programa electoral. En presencia da conselleira Vázquez, destacou o compromiso da Xunta de Galicia e a dilixencia coa que actúa para que Alfoz poida ter Plan Xeral de Ordenación Municipal, pese ao deixamento co que operou neste asunto o goberno local. Na súa intervención, Fraga tamén destacou o interese do PP por todo o que ten que ver coa conservación dos ríos e, de maneira moi especial, do ámbito da Rede Natura. Igualmente, expuxo a decisión do PP de retomar o proxecto de construción de vivenda pública, para o que -lembrou- xa hai terreos cedidos. O candidato pretende conseguir unha área de rehabilitación integral no entorno do Castelo, na parroquia do Castro.

En Alfoz, Balseiro destacou que este municipio precisa un cambio, porque leva oito anos paralizado, nos que o único que se fixo foron políticas “da fochanca e do farol”, que, sendo necesarias, non son as precisas para facer despegar este concello. “O cambio necesario só pode vir da man do PP”, manifestou Balseiro.

MONDOÑEDO: PROXECTOS PARA SEGUIR AVANZANDO
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pechou o recorrido pola Mariña en Mondoñedo, onde participou nun mitin na Casa da Xuventude. O candidato popular a repetir na alcaldía, Manolo Otero, debullou o programa que presenta para estas eleccións, con especial atención ás propostas para a zona rural, os servizos sociais, o urbanismo, a vivenda e o medio ambiente. Con respecto a Vivenda e Urbanismo sinalou que se desenvolverán as obras previstas no Plan Rexurbe, tanto no que se refire ás vivendas como aos espazos público. Anunciou que se rematará a renovación do plan especial do casco histórico; remataranse tamén as obras do acceso norte na zona de Xiros. Na mesma liña comprometeu a mellora do acceso sur, a creación dunha senda segura para peóns entre San Lázaro, Coto da Recadieira e A Fervenza, ademais de mellorar a Rúa da Fonte entre o Seminario e a Avenida de Buenos Aires. O programa inclúe a renovación dos aseos públicos na Alameda e rematar as obras na Praza da Catedral. Por outro lado, comprometese a aumentar os puntos de recarga de vehículos eléctricos, mellora da limpeza do saneamento, minimización de perdas da rede de auga e melloras no servizo de limpeza.

Otero, en canto á zona rural, área prioritaria para os populares, destacou a continuidade do plan de renovación de firmes nas pistas rurais e asegurou que se traballará en colaboración da Xunta para crear franxas de seguridade contra incendios forestais, mellorarase a sinalización de núcleos, acelerarase a instalación de fibra óptica e intervirase para mellorar a seguridade na Ponte do Arco en Masma. En canto a servizos sociais anunciou a posta en marcha de apartamentos tutelados e dunha vivenda de emerxencia, así como a creación do Programa de Maiores en Soidade, entre outras iniciativas.

Pola súa parte, o coordinador xeral do PP da provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que Mondoñedo “tivo unha gran alcaldesa e ten un gran alcalde”. Este concello, debido a xestión dos gobernos populares, “tivo un cambio moi importante, en positivo, moi favorable aos veciños e veciñas e o importante é que siga nesta senda”.

Exit mobile version