Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleira do Mar presidiu en Burela o pleno do Consello Galego de Pesca no que se abordaron as propostas da Comisión Europea para limitar a actividade da frota e o seu impacto

Rosa Quintana salienta que a pesca ten futuro se non se lle poñen atrancos innecesarios e que a frota galega está perfectamente dimensionada como demostra o feito de que a maioría dos caladoiros nos que faena se atopan en bo estado biolóxico

Burela, 10 de maio de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe un pleno do Consello Galego de Pesca no que se constatou a necesidade de actuar desde todas as frontes -política, diplomática, social ou xudicial- para frear os plans de Bruxelas de restrinxir a pesca en augas comunitarias de xeito totalmente arbitrario, poñendo en marcha distintas estratexias para a protección dos ecosistemas pero sen informes científicos que xustifiquen esas limitacións á actividade extractiva.

A titular de Mar salientou que a deriva medioambientalista que está a tomar o Executivo comunitario nas súas políticas pon en risco o futuro dun sector que é vital para a economía das zonas costeiras de Galicia e que por iso é importante trasladar á Comisión Europea unha imaxe de unidade desde todos os estamentos. Con ese obxectivo, incidiu, Galicia vai seguir apoiando ao Goberno central na defensa dos intereses da frota galega e na busca de aliados noutros países con importantes frotas pesqueiras para exixir a Bruxelas que rectifique un xeito de actuar que considera inaceptable.

O pleno do Consello Galego de Pesca, que se celebrou en Burela coincidindo coas XXX Xornadas Técnicas Expomar, o XXIV Encontro Empresarial e a XIX Feira Monográfica Náutico-Pesqueira, avaliou as consecuencias do veto á pesca de fondo aprobado a finais do ano pasado en 87 zonas de augas comunitarias e a previsión de ampliar ata un 50% esas áreas protexidas na súa próxima revisión.

A representante do Executivo galego lembrou que esa primeira prohibición entrou en vigor en 2022 en base a datos parciais -unicamente do arrastre-, desactualizados e sen unha mínima análise de impacto socioeconómico, o que levou a despropósitos e incongruencias como a inclusión nese veto do palangre de fondo, unha das artes máis selectivas e respectuosas co medio ambiente que existen.

Rosa Quintana asegurou que é preciso realizar un intenso labor a todos os niveis para evitar que se repitan barbaridades coma esta e corrixir eivas nas que incide o último informe elaborado polos científicos do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) de cara á revisión das zonas vetadas á pesca de fondo. Nel, lamentou, volven terse en conta unicamente datos do arrastre dos anos 2009-2011, polo que a situación desde entón puido ter variado moito.

Por iso, a conselleira incidiu na importancia de facer presión para que Bruxelas actúe coa máxima rigorosidade e, cando presente a súa proposta de revisión do veto á pesca de fondo, exclúa o palangre desas restricións e realice os correspondentes estudos de impacto socioeconómico.

Dificultades da frota

Os distintos representantes do complexo mar-industria de Galicia presentes no Consello Galego de Pesca coincidiron na transcendencia de frear as propostas de marcado carácter medioambientalista presentadas por Bruxelas e lamentaron que a maioría dos pasos dados pola Comisión Europea nos últimos tempos contribúen a dificultar aínda máis a actividade da frota. Entre elas, destacaron os plans para prohibir a pesca de arrastre nas zonas protexidas a partir de 2030 e xa desde 2024 no 20% das augas de cada estado membro.

Neste sentido, a titular de Mar defendeu que calquera medida deste calado debería aplicarse de xeito gradual para evitar un impacto negativo na frota tanto pola redución das zonas de traballo -coa conseguinte concentración de buques nos mesmos caladoiros- como pola sobreexplotación das pesqueiras que quedan dispoñibles.

Este tipo de limitacións á actividade, advertiu Rosa Quintana, obrigarían a unha reestruturación da frota galega e europea totalmente inxustificada nun momento no que está perfectamente dimensionada. Boa mostra diso é, recalcou, que a maioría de especies que captura a frota galega se atopan no rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que garante a continuidade da actividade extractiva a longo prazo.

Nesta liña, a conselleira subliñou que a pesca ten futuro se as autoridades europeas llo permiten e, en vez de poñerlle atrancos inxustificados, comezan a traballar seriamente para atopar resposta a algúns dos seus principais desafíos, como a remuda xeracional ou a transición enerxética da frota.

Exit mobile version