Site icon Crónica3.com A Mariña

A praia do Torno lucirá Bandeira Azul un ano máis pola calidade das súas augas e dos seus servizos

Villares: “Estes distintivos son un impulso e un incentivo máis para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna e promovendo tamén hábitos responsables para manter as nosas praias na mellor das condicións”

Cervo, 4 de maio de 2023.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou de xeito moi positivo os recoñecementos cos que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) vén de premiar a xestión medioambiental do municipio.

Deste xeito, un ano máis a Praia do Torno recibe o distintivo de Bandeira Azul, pola calidade das súas augas e dos servizos que ofrece.

O rexedor quixo felicitar tamén de novo a Paco Fra, porque a súa Carpintería de Ribeira, única na provincia de Lugo, foi recoñecida por sexto ano consecutivo como Centro Azul “pola súa contribución á divulgación en materia medioambiental, realizando un traballo artesanal respectuoso coa contorna”.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou que “estamos satisfeitos porque estes recoñecementos poñen en valor a calidade dos nosos recursos naturais, o que supón unha importante inversión en infraestruturas, en saneamento e no coidado e mantemento destes espazos; e son un impulso e un incentivo máis para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna e promovendo tamén hábitos responsables para manter as nosas praias na mellor das condicións”.

A edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, pola súa banda, recordou, que “aínda que O Torno é a praia que ten bandeira azul, todos os areais do Concello contan cuns servizos axeitados a disposición dos usuarios, e cunha calidade óptima para o baño”.
Ademais, o Concello de Cervo suma case 5 quilómetros de sendeiros azuis que potencian o valor natural do noso municipio. Ao sendeiro azul do Torno, sumáronse, recentemente, o carreiro azul Cubelas-O Rego, e o de Río de Lavar-Muíño do Medio, como itinerarios que destacan por ser valiosos recursos para a interpretación ambiental e o desfrute da natureza.

Exit mobile version