Site icon Crónica3.com A Mariña

A primeira xornada técnica de Expomar 2023 abordou a “xestión pesqueira” europea

O marco da XIX Feira Expomar acolleu na tarde do xoves a primeira sesión das XXX Xornadas Técnicas, que virou sobre a “Xestión Pesqueira”, con especial atención ás leis de pesca marcadas pola Unión Europea.

Burela, 11 de maio, 2023. A 30ª edición das Xornadas Técnicas de Expomar inaugurouse na tarde do xoves coa presenza da secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, María Isabel Artime García, e o alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Chairo; como cada ano desde o salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela, aínda que tamén se poden seguir en directo a través da web: www.expomar.com/xornadas-tecnicas.

A secretaria xeral de pesca relatou as principais prioridades da nova presidencia de España da Unión Europea, que pasan pola autonomía alimentaria, a descarbonización da frota, a substitución xeracional e mellorar o procedemento de toma decisións na UE, especialmente na determinación de tacs e cotas.

A primeira xornada tratou sobre “Xestión Pesqueira” e estivo moderada por Javier Garat, secretario xeral de Cepesca, que abriu a sesión lendo as conclusións do XXIV Encontro Empresarial, que se celebrou pola mañá, e que están relacionadas coas políticas europeas, revisión da normativa española, substitución xeracional e formación, asuntos económicos, comunicación e comercialización.

Precisamente a primeira das presentacións do día foi a “Lei de Pesca Sostible”, a cargo da secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, María Isabel Artime García. A continuación, Jacopo Pasquero, asesor de asuntos internacionais da European Bureau for Conservation and Development (EBCD), presentou “Gobernanza de los oceános y sostenibilidad de la pesca”.

O director xerente de Europeche, Daniel Voces, tratou os “Desenvolvementos lexislativos na UE: análise e desafíos”. E finalmente a catedrática de dereito administrativo da Universidade da Coruña e membro do Observatorio Litoral da UDC, Marta García Pérez, presentou “Unha proposta de reformulación dos POEMs: a Pesca como uso prioritario esencial”.

A segunda xornada, que se celebrará na mañá do venres, tratará temas máis sociais, de comercialización e alimentación baixo o título “Socio Economía” e estará moderada por Antonio Basanta, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.

Na xornada do venres intervirán Elena Martínez Carqués, directora do Instituto Social da Mariña (ISM); Juan M. Trujillo, presidente da sección europea pesca de EFT e secretario de pesca FSC de CCOO; Carlos Buxadé, doutor, catedrático e profesor emérito da Universidade Politécnica de Madrid; e Federico Mallo, catedrático de endocrinoloxía da Universidade de Vigo e membro do padroado da Fundación Dietlántica.

Exit mobile version