Site icon Crónica3.com A Mariña

A Uned presenta ‘Sabores Saudables’, unha orixinal fusión do talento lucense

Obxectivo: A iniciativa audiovisual reúne a referentes do deporte e a cociña provincial na promoción da alimentación saudable e o produto de proximidade quilómetro cero

Lugo, 9  de maio, 2023. O programa Sabores saudables que a Uned Lugo estreará moi proximamente no marco da iniciativa #UNEDLife ten como obxectivo acompañar a deportistas profesionais de clubs lucenses para coñecer as súas rutinas nutricionais e retalos a cociñar da man de parte dos mellores chefs da provincia.

Todas as receitas que prepararán os deportistas lucenses se elaborarán con produtos locais (quilómetro cero) e de tempada.

«Collemos a deportistas moi recoñecidos para as nosas afeccións co fin de chegar ao maior número de espectadores e divulgar a mensaxe principal da campaña: o fomento da vida saudable baseada no deporte e no coidado da alimentación», explica Ana Traseira, directora da Uned en Lugo.

«Sabores Saudables é un eloxio unánime por parte do talento deportivo e culinario ao magnetismo do extraordinario produto da nosa Terra», engade Carlos García, codirector do proxecto #LugoNaturalMente. A iniciativa promovida pola Uned conta coa colaboración de clubs e deportistas como o CB Breogán, o CV Emevé, o CB Ensino e Sara Folgueira. Tamén prestan a súa axuda algúns dos restaurantes máis recoñecidos da provincia, como o España, Os Cachivaches, Canedo, Colón e Paprika, incluíndo aos seus chefs — Héctor López, Alejandro Méndez, Nardo Eiroa, Santiago Almuiña, Álvaro Villasante e— que serán os coach dos deportistas lucenses.

Cada unha das receitas contará cun alto valor nutritivo e saudable que será avalado pola nutricionista Ángeles Novo. A realización do proxecto, a cargo de Hugo Fernández Balseiro e Gael Carballo difundirase nas redes sociais da Uned de Lugo: YouTube, Instagram, Facebook e Twitter.
A Uned de Lugo mira cara ao futuro, asumindo novos retos, e de aquí naceu o proxecto #UNEDLife, ao abeiro da celebración do quincuaxésimo aniversario da Uned e dentro do exitoso proxecto #LugoNaturalMente, para traballar a prol do ODS 3, saúde e benestar, que ten coma fin garantir unha vida sa e promover o benestar para a cidadanía.

O proxecto #LugoNaturalMente, que arranca no ano 2019, leva colleitados cinco galardóns a nivel nacional: tres premios consecutivos do Consello Social da Uned, que recoñecen a mellor práctica levada a cabo por un Centro Asociado e dous do Observatorio Nacional de ODS, convertendo a #LugoNaturalMente e á UNED de Lugo nun referente do desenvolvemento territorial sostible a nivel nacional.

Este proxecto, presentado polo reitor da Uned Ricardo Mairal, conta no seu comité técnico con catro profesionais do ámbito universitario e deportivo lucense: Ana Traseira, directora da Uned de Lugo, Carlos García, xestor de administración da Uned Lugo, Salva Arco, xerente da Fundación Breogán e Sara Meijide, responsable de Hoy por Hoy Lugo en Radio Lugo Cadena SER.

O proxecto conta con colaboracións de profesionais do deporte, da saúde, do xornalismo deportivo e da sociedade civil cos que a Uned teceu alianzas.

O obxectivo é o fomento dunha vida saudable baseada no deporte, da que medran as catro ramas nas que se desenvolve o traballo desta iniciativa, que son as seguintes: a promoción do benestar social, o coñecemento de todas as categorías do deporte lucense, a vinculación das efemérides do calendario coa práctica do deporte e colaboracións tan relevantes como a da Asociación Española Contra o Cancro (Aecc) e a Fundación Breogán.

Nas actividades celebradas ao abeiro do programa #UNEDLife ao longo do curso rexistráronse 3.300 inscricións nas 28 actividades celebradas, contándose con profesionáis da medicina como Juan Carlos G. Juanatey, Luis Pérez del Llano e Pedro Reimunde; da psicoloxía, como Denís Fernández Valcárcel, e Pilar Pavón; da nutrición, como Ángeles Novo; da investigación, como Cintia Folgueira; da actividade física, como Ángel Pérez, entre outros; con entidades coma a Aecc; Cruz Vermella, Fundación Breogán…, e entidades deportivas como o CB Breogán, o CD Lugo, o Emevé e o Ensino, entre outras.

España ‘Ravioli de boi con emulsión de pataca e fideos de cabaciño’.
• Deportista: Laura Aliaga.
• Club: CB Ensino.

Os Cachivaches ‘Arroz de espárrago branco, flor de ovo e crema de guisantes’.
• Deportista: Erik Quintela.
• Club: CB Breogán.

Colón ‘Merluza en semisalazón con tomate recheo de verduras asadas’.
• Deportista: Sara Folgueira.
• Club: CV Emevé.

Canedo ‘Tallaríns de calamar picantes con tomates en tres texturas’.
• Deportista: Sergi Quintela.
• Club: CB. Breogán.

Paprika ‘Xurelo case cru con grelos escollidos’.
• Deportista: Sara Álvarez.

Exit mobile version