Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación distribúe a colexios e institutos libros ao redor de Fernández del Riego

Lugo, 16 de maio de 2023. Con motivo do Día das Letras Galegas, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo está facendo chegar aos colexios e institutos da provincia exemplares de dous libros ao redor de Francisco Fernández del Riego.

Trátase do libro de viaxes Galicia, mostra da faceta como narrador do intelectual laurentino, e da biografía Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro, de Héctor Cajaraville, un libro para lectores e lectoras novas -publicada na Colección Merlín de Xerais – que aborda a contribución de Del Riego á vida política, social e cultural e inclúe unha presentación audiovisual.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, explicou que “se trata de exemplares adquiridos polo Servizo de Publicacións co obxectivo de apoiar a produción editorial en galego e colaborar na divulgación da vida e da obra de Fernández del Riego, ofrecendo aos centros de ensino recursos que consideramos de interese para traballar sobre a súa figura”. “Queremos tamén con isto recoñecer e suliñar a implicación e o interese que a comunidade educativa pon na celebración dunha data fundamental para a lingua e a cultura galega”, engadiu.

Xunto aos libros ao redor de Fernández del Riego, remitíronse aos centros exemplares das últimas publicacións editadas e participadas polo Servizo de Publicacións da Deputación, como quí non pasa nada de Juan Castro Lodeiro, que repasa a historia da creación musical lucense, ou Nós tamén temos historia, un traballo do alumnado do IES Lucus Augusti que recompila historias familiares.

Exit mobile version