Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta celebra as Letras Galegas cunha exposición da obra bibliográfica de Fernández del Riego conservada pola Biblioteca de Galicia no Gaiás

A mostra ‘Francisco Fernández del Riego. A cultura galega como motivo de vida’ fai un repaso das diversas facetas do autor e poderá visitarse ata setembro

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023. A Xunta inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura a exposición Francisco Fernández del Riego. A cultura galega como motivo de vida, co gallo da celebración o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas dedicadas ao autor. Trátase dunha mostra que repasa, a través de fondos propios da institución, a traxectoria do homenaxeado nas súas diversas facetas como ensaísta, tradutor, editor, articulista ou compilador literario.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que presentou a mostra, fixo fincapé en que neste 2023 “péchase o círculo no que o home que impulsou a celebración do Día das Letras Galegas é xusto o homenaxeado nesta ocasión”. Como engadiu non hai mellor homenaxe que mostrar “o legado que deixou para a cultura galega e que tan ben podemos visualizar a través desta exposición que abrangue un completo repaso polas súas grandes aportacións en diversos eidos”. No acto de inauguración tamén interviron a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e Noelia Bascuas, xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia.

A exposición recolle 80 pezas, todas elas pertencentes ás coleccións custodiadas no Gaiás. Entre elas atópanse sobre todo libros, xornais e revistas nos que dalgún xeito Francisco Fernández del Riego é o protagonista. Tamén se poden contemplar materiais especiais como son fotografías, marcapáxinas ou CD, que completan o relato sobre a figura do escritor.

A editorial Galaxia e as Letras Galegas

O percorrido pola obra de Fernández del Riego componse de seis vitrinas a través das que se profunda na súa biografía e a súa vinculación co eido literario, a súa estreita relación coa prensa, coa que colaborou durante toda a súa vida —están expostos algúns dos seus artigos nos anos de posguerra e o último que publicou pouco antes do seu falecemento en La Voz de Galicia— e a súa diversa produción, entre ela como ensaísta e autor de ficción.

Entre as publicacións atopamos Cos ollos do noso esprito (editorial Alborada, 1949), o seu primeiro ensaio. Tamén se recollen relatos como San Andrés de Teixido (1993) ou a súa única novela, O cego de Pumardeón (1992).

Un aspecto destacado, ao que se dedican dous expositores con pezas relacionadas, son as súas iniciativas máis persoais. En 1950 iniciou xunto con Xaime Isla o proxecto de creación da editorial Galaxia. Ademais, como membro da Real Academia Galega da Lingua propuxo a celebración do Día das Letras Galegas en 1963. Neste 2023 o pleno da RAG acordou homenaxealo cadrando coa celebración do 60 aniversario do primeiro Día das Letras Galegas e cos cento des anos do seu nacemento.

Os Bolechas en Lugo

Pola súa banda, e dentro das actividades polo 17 de maio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou pola súa banda en Lugo na presentación dun novo título da colección As miñas primeiras Letras Galegas, dos Bolechas, editado por Bolanda coa colaboración, entre outros, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Nesta nova aventura dos Bolechas, dedicada a Francisco Fernández del Riego, Braulio conta a odisea dos personaxes do libro Galicia, do autor laurentino, percorrendo a xeografía galega ao tempo que narra a biografía do homenaxeado este 17 de maio. O obxectivo desta colección, que conta xa con medio centenar de títulos, é achegarlle á cativada os grandes autores das nosas letras, así como as súas obras, dun xeito divertido e disociado da escola e da aprendizaxe regrada.

No acto tamén estiveron presentes varios nenos do colexio CEIP Sagrado Corazón de Lugo e participaron Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Antonio Couto, representante da editorial Bolanda; e Manuel Varela, Jesús Méndez e José Manuel López, presidente, director xeral e director comercial de Caixa Rural Galega, respectivamente.

Exit mobile version