Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa mantivo un encontro cos responsables da Garda Civil en Ribadeo tras os incidentes ocorridos nos últimos días

Ribadeo, 31 de maio de 2023. Acisa mantivo un encontro cos responsables da Garda Civil en Ribadeo tras os incidentes ocorridos hai uns días: roubos en negocios hostaleiros e pelexas na rúa.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, comentou que “como é lóxico, tras o sucedido estas pasadas fins de semana, dende Acisa quixemos manter unha xuntanza coa Garda Civil, para transmitirlle a preocupación dos nosos asociados e asociadas, xa que estes feitos prexudican a actividade empresarial e a imaxe de Ribadeo”.

E engadiu: “tras esta reunión queremos facer unha chamada á calma e á tranquilidade. Trátase de feitos illados, de aí que non debamos xeneralizar. Ribadeo é seguirá sendo un lugar tranquilo. A Garda Civil trasladounos que traballa intensamente na investigación de todos os sucesos acaecidos e que están a reforzar a vixilancia nocturna, especialmente nas horas mais conflitivas das fins de semana. Desde a Benemérita tamén nos indicaron que calquera persoa que detecte presenzas ou movementos sospeitosos a carón dos seus establecementos se poña en contacto con eles ou aqueles veciños e veciñas que visen ou escoitasen algo de noite, xa que calquera pista pode ser fundamental”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, contou que “desde Acisa gustaríanos resaltar, que no tocante ás pelexas, en ningún caso se produciron dentro de establecementos asociados, onde debemos incidir en que se están a cumprir as normativas de control, de seguridade e de horarios. Estes sucesos tenden a ocorrer na rúa e nas horas de desaloxo e peche dos negocios de ocio nocturno, o que quere dicir que non se lles poden botar as culpas a eles, se non ás condutas incívicas dalgunhas persoas, que afortunadamente son unha minoría”.

Pérez Prada subliñou que “convén que nas nosas casas e coas nosas familias analicemos todas estas cuestións e que pensemos en que a educación e a cultura teñen moito que ver con todo isto”.

A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos agradece “a dispoñibilidade da Garda Civil de Ribadeo para reunirse con nós así como o traballo que están a desenvolver para o pronto esclarecemento duns feitos, que todo apunta a que son puntuais, e que agardamos que non se sigan a producir”.

No encontro con Acisa participaron o Brigada Comandante de Posto e un compoñente de Seguridade Cidadá da Garda Civil de Ribadeo.

Exit mobile version