Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Rueda contrapón o moito que ten por ofrecer Mariña Gueimunde a Viveiro fronte á falta de operatividade do goberno local

Mariña Gueimunde sinala que este domingo será a oportunidade de que “os veciños comparen a xestión nefasta que hai neste momento coa xestión eficiente que fixo o PP en todos os anos que gobernou”

Viveiro, 25 de maio, 2023. A un día de que remate a campaña, Alfonso Rueda quixo aproveitar a ocasión facer un recoñecemento a todos os candidatos do PPdeG que, como Mariña Gueimunde, son xente traballadora, que mira aos ollos da xente para pedir o voto, que está preparada para gobernar e que coñece aos seus veciños e os seus problemas

O líder dos populares galegos apostou por un cambio en Viveiro, afeando ao actual Goberno local a súa estratexia de “botar a culpa aos demais” para agochar que “non teñen ideas” e “non saben moi ben que facer”

Facendo referencia ás dúas décadas como rexedor de César Aja, Rueda reivindicou que os veciños de Viveiro tiveron a sorte unha vez de “ter un alcalde que foi capaz de facer cousas que parecían impensables e que deu a volta ao concello para moitos anos”, dándolle as grazas e apostando por Mariña Gueimunde por seguir esta liña e facer “aínda máis cousas”

O presidente do PPdeG contrapuxo a falta de operatividade do actual Goberno municipal cos investimentos da Xunta neste concello: reforzo do persoal de Atención Primaria, prazas públicas para maiores, SAF, atención temperá, e as escolas infantís gratuítas

“Todo iso parece que non conta, pero sae dos Orzamentos do Goberno galego. E só con iso xa estaríamos facendo máis que o Concello de Viveiro”, remarcou engadindo outros investimentos como a VAP Costa Norte no tramo Celeiro-San Cibrao, o albergue xuvenil Area ou axudas para Pemes e comercio ou en apoio do sector marítimo-pesqueiro

En referencia á situación de Alcoa, Alfonso Rueda mostrouse moi crítico con “todos eses ministros de Pedro Sánchez que non teñen nada mellor que facer que vir a Galicia a falar mal de Feijóo pero non din unha palabra sobre Alcoa”

Nesta mesma liña afeou ao BNG que se opoña aos parques eólicos que son necesarios para abastecer de enerxía a esta empresa: “Que vaian aos concellos da comarca da Mariña que dependen de Alcoa, miren á cara aos traballadores e expliquen iso de que Alcoa si, pero a enerxía para que funcione non”

Reprochou tamén ao Goberno central que, mentres outros países de Europa están actuando para actuar ante a suba dos custos enerxéticos, aquí non se estea facendo nada: “O voto deste domingo tamén vai para que o próximo presidente de España sexa Alberto Núñez Feijóo, que coñece ben a importancia deste problema e ocuparase de resolvelo”

Alfonso Rueda tamén aproveitou a ocasión para criticar as “promesas irreais ante problemas reais” feitas por Pedro Sánchez ao longo desta campaña, referíndose concretamente ás vivendas da Sareb: “Das case 1.300 que dicían que había en Galicia, só hai 43 das que 35 están precisamente na Mariña e son un armazón con problemas urbanísticos. O resto, nin se sabe onde están”

GUEIMUNDE: “VIVEIRO NECESITA RECUPERAR A SÚA GRANDEZA”

Recordando os anos de gobernos populares en Viveiro, a candidata á alcaldía sinalou que este domingo será a oportunidade de que “os veciños comparen a xestión nefasta que hai neste momento coa xestión eficiente que fixo o PP en todos os anos que gobernou”

“Viveiro necesita dunha rehabilitación estrutural para recuperar a súa grandeza porque neste momento contamos cun equipo de goberno que está a cambiar as cousas a peor”, asegurou

Mariña Gueimunde considera que o exemplo máis claro da mala xestión da actual alcaldesa é que non foi quen de manter a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspanane) en Viveiro ao non cederlles unha parcela de titularidade municipal para a construción dunha residencia

Reprochoulle tamén á rexedora que demande un plan para A Mariña cando nin ela, nin o Goberno de Sánchez, foron quen de dar solucións viables a Alcoa

“María Loureiro e Pedro Sánchez son o mesmo. Son os gobernos que, en vez de construír, destrúen: destrúen emprego, destrúen a industria e destrúen servizos”, afirmou ao tempo que concluía: “Votar a María Loureiro é votar unha alcaldesa que defende antes a Sánchez que a Viveiro e á Mariña”

Exit mobile version