Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano fai un balance moi positivo das bandeiras azuis que neste 2023 lucirán as praias de A Marosa, O Portelo e Ril

Burela, 4 de maio de 2023. O alcalde, Alfredo Llano, fai un balance moi positivo das bandeiras azuis que neste 2023 lucirán as praias de A Marosa, O Portelo e Ril, así como o barco museo Reina del Carmen e o Centro de Educación Ambiental Gaia. O rexedor subliña que “estes recoñecementos son froito do traballo ben feito”.

O rexedor manifestou que “é unha cuestión importante que se volva recoñecer coa bandeira azul ás praias da Marosa, de Ril e do Portelo. É unha distinción que penso que merece Burela dadas as características das augas que temos nas praias, cunha valoración de excelente, e ademais porque se fixeron cousas aquí que realmente dan importancia ao que temos nos areais. Procuramos que estean sempre en perfecto estado e que teñan o máximo de servizos, de seguridade e de atractivos”.

Llano contou que “agora mesmo está a pala da Deputación arranxando a praia do Portelo e inmediatamente despois vai pasar á da Marosa, que vai quedar perfecta para ser empregada. Enseguida se colocará tamén o mobiliario, como papeleiras, sombrillas, etcétera. Vanse preparar todas as instalacións”.

O alcalde burelés dixo: “hai que ter en conta que tanto na praia da Marosa como na do Portelo, sobre todo nesta última, fixéronse melloras recentemente. No Portelo unha das baixadas preparouse perfectamente con bo material, adoquín e madeira, para facilitar o acceso ás persoas que o necesiten por algunha circunstancia, incluso para chegar ao areal en cadeira de rodas porque quedou unha baixada moi suave. Está moi ben e de acordo coa normativa actual, pero ademais deixa a esta praia preparada dunha maneira especial. Tamén se colocou un miradoiro con vestidor para que a xente o utilice. E na Marosa tamén se van facer os preparativos e colocar o mobiliario necesario. E recentemente fíxose alí un parque extraordinario para que @s nen@s poidan disfrutar tamén dos xogos que están alí instalados”.

Alfredo Llano subliñou que “estas bandeiras azuis son tres recoñecementos para as praias de Burela moi merecidos porque penso que se están facendo as cousas ben. Estas distincións únense ás que veñen de recibir o Centro de Educación Ambiental Gaia e o barco museo Reina del Carmen, motivo polo que estamos especialmente satisfeitos”. E lembrou que “un ano máis, tal e como xa nos comunicaron hai varias semanas, a ruta do litoral burelés conta de novo neste 2023 co recoñecemento de sendeiro azul”.

Exit mobile version