Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros acollerá de novo o Campus Fundación Celta de Vigo este verán

Barreiros, 30 de maio de 2023. Hoxe tivo lugar a presentación do agardado “Campus de Verán Fundación Celta by Cabreiroá 2023” no Concello de Barreiros. O evento contou coa presenza da alcaldesa, Ana Ermida; o concelleiro de dinamización e participación veciñal, Dani García; o coordinador da Fundación Celta de Vigo, Manu Gómez, e membros das directivas dos equipos locais que colaboran co evento cedendo as súas instalacións.

Dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos, tanto do municipio como doutras localidades, o campus ofrece a oportunidade de mellorar a súa formación futbolística a través das metodoloxías lúdico-educativas de adestramento da canteira do RC Celta. Ademais, fomentan valores como o compañeirismo e a superación, xunto cunha educación integral.

O campus desenvolverase en Barreiros do 31 de xullo ao 4 de agosto, nos campos de fútbol dos equipos locais, Celta de Barreiros e Iberia. O custo de participación é de 137 euros incluíndo o equipamento completo de adestramento. Con todo, o Concello de Barreiros ofrece un prezo reducido de 105 euros para todos os nenos e nenas empadroados en Barreiros na data do 01/01/2023.

Según Dani García, “este campus, que leva varias edicións celebrándose en Barreiros, xa é unha actividade futbolística de base referente na Mariña chegando a completarse as prazas ofertadas en edicións pasadas”.

A alcaldesa destacou “a importancia de contar con actividades deportivas de base no noso municipio, que contribúen a unha educación saudable para os nenos e nenas, transmitindo os valores que deben promoverse na práctica deportiva”.

Tamén agradeceu ao RC Celta por elixir Barreiros como sede dun dos seus campus.
Desde o Concello, agradecen a colaboración dos dous equipos de fútbol do municipio, o Celta de Barreiros e o Iberia, que un ano máis colaboran no evento, destacando a importancia da cooperación entre diferentes entidades para fomentar o deporte de base en Barreiros.

As inscricións xa están abertas, xunto con toda a información, na web www.rccelta.es

Exit mobile version