Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle este sábado a 25º Maratón Urbana de Special Olympics co apoio da Deputación

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, participou hoxe no concello burelés na presentación desta cita, que forma parte das actividades coas que colabora a institución provincial como parte do seu apoio a FADEMGA

Lugo, 4 de maio de 2023. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, participou este xoves no Concello de Burela na presentación da Maratón Urbana de Special Olympics xunto ao Alcalde da localidade mariñana, Alfredo Llano García, o presidente de FADEMGA (a federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento), Eladio Fernández, a Concelleira de Servizos Sociais e Mar, Carmela López, e o Concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey. O Concello burelés organiza esta proba que atraerá a participantes de colectivos de toda Galicia, xunto a FADEMGA e á Fundación Eu Son, entidades coas que colabora a institución provincial.

Burela acollerá o vindeiro sábado a 25 edición desta competición, que forma parte do programa deportivo que, anualmente, leva a cabo a entidade galega para promover a práctica deportiva entre as persoas con capacidades diferentes e ao que a Deputación de Lugo achega 8.000€.

Mayra García Bermúdez felicitou ao Concello por respaldar o evento e quixo facer un recoñecemento especial para “os atletas, para as súas familias e para todo o equipo de colaboradores e voluntarios que fai posible a maratón”. “Falar de deporte é sempre falar de valores, pero poucas veces isto é tan certo como nos certames de Special Olympics. Un exemplo do deporte como exercicio de esforzo persoal, de convivencia e de integración social”, afirmou.

Así mesmo, quixo dar valor ás actividades de Special Olympics, que “poñen sempre o acento en todo aquelo que nos une: a capacidade de loita e o desexo de superar os retos. Todas e todos aspiramos a gañar e, en caso de non poder facelo, a competir de xeito valoroso, leal e con respecto ó contricante”.

“Hoxe presentamos unha fermosa e apaixonante xornada de deporte e de convivencia, e, sen querer facer trampas, xa podo quen vai gañar: o conxunto da sociedade”, subliñou a Deputada.

A proba sairá o sábado, ás 12:00 horas, da Praza do Concello de Burela e percorrerá algunhas das rúas principais da localidade, como Pardo Bazán ou Rosalía de Castro. Está previsto que compitan máis de 150 atletas, que estarán acompañados de 37 adestradores.

Exit mobile version