Site icon Crónica3.com A Mariña

Carlos López: “seguiremos traballando pola Fonsagrada con ilusión, honestidade e responsabilidade, coma nestes anos, nos que logramos avances importantes”

O candidato do PSdeG marca como prioridades a construción do polígono, para o cal conseguiu 2,5M€ da Deputación, unha medida que complementará “cun esforzo fiscal para que as parcelas sexan atractivas” e “facilitando os trámites ás empresas”; ademais dunha nova rede de abastecemento no núcleo da Fonsagrada, melloras nas traídas das parroquias, a municipalización do SAF, o apoio ó sector agrogandeiro e o impulso do turismo e o deporte, entre outras medidas

A Fonsagrada, 14 de maio de 2023. Os socialistas da Fonsagrada celebraron este domingo no Salón de Actos dos Chaos un mitin coa participación do Alcalde e candidato á reelección, Carlos López López, e a súa candidatura, xunto ao Delegado do Goberno de España en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, o Voceiro socialista no Parlamento galego, Luis Álvarez, e a Deputada na Cámara autonómica Patricia Otero. Alcaldes e candidatos da comarca, militantes, simpatizantes, e veciños e veciñas da localidade e da comarca participaron no encontro.

“Seguiremos traballando polo futuro da Fonsagrada con ilusión, honestidade e responsabilidade, como fixemos estes catro anos, nos que conseguimos avances importantes”, subliñou o Alcalde fonsagradino ante as ducias de persoas que encheron o Salón de Actos.

“Temos un proxecto para A Fonsagrada”, incidiu Carlos López, “para aumentar e mellorar os servizos dos veciños e promover a actividade económica e a creación de emprego, e así fixar poboación”. Para iso, asegurou, “acompáñame un equipo de homes e mulleres preparados, con experiencia, que coñecen o concello e os veciños, e con ganas de traballar a reo polo noso concello”.

O candidato á reelección lembrou fitos importantes para o concello que conseguiu o Goberno municipal socialista, como a posta en servizo do Residencial Rois co apoio da Deputación de Lugo, o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), melloras no ámbito das infraestruturas, a accesibilidade, zonas verdes e espazos de convivencia, “unha aposta forte” polo tecido asociativo social, cultural e deportivo ou a promoción do Camiño de Santiago.

Compromisos para o vindeiro mandato

De cara ao vindeiro mandato, o candidato do PSdeG marca como prioridade a construción do polígono industrial, para o cal conseguiu preto de 2,5 millóns de euros da Deputación, unha aportación xa formalizada no convenio de colaboración asinado recentemente polo propio Alcalde e o Presidente provincial, José Tomé Roca. Unha infraestrutura que complementará “cun esforzo fiscal para que as parcelas sexan atractivas” e “facilitando os trámites para que se instalen no noso concello empresas, autónomos e negocios, e así fixar postos de traballo”.

Así mesmo, no programa electoral o Alcalde comprométese, nó ámbito das infraestruturas, á instalación dunha nova rede de abastecemento de auga no núcleo da Fonsagrada, melloras nas traídas de auga das parroquias, a rehabilitación das vellas escolas para local social e aluguer social; e no de políticas sociais, aposta pola municipalización do SAF, ademais de apoiar ó sector agrogandeiro, crear dotacións e poñer en valor recursos turísticos, e actividades e equipamentos deportivos.

“Boa xestión con grandes resultados”

Pola súa banda, o Delegado do Goberno puxo en valor “a boa xestión” do Alcalde e do seu equipo, que deu “grandes resultados” para os veciños, recalcando, por exemplo, que A Fonsagrada recibiu máis de 180.000€ do Executivo de Pedro Sánchez para completar a rehabilitación da antiga Casa Consistorial; o concello forma parte do programa UNICO do Estado para estender a Banda Ancha; e que o municipio terá un novo Cuartel da Garda Civil. A Dirección Xeral da Garda Civil está traballando no anteproxecto desta nova infraestrutura e o Concello, pola súa parte, xa realizou a cesión gratuíta dos terreos para construír a dotación, que dá resposta a unha vella demanda dos veciños e veciñas do municipio.

Candidatura do PSdeG da Fonsagrada ás eleccións municipais

A lista electoral dos socialistas da Fonsagrada ás eleccións municipais está formada polos seguintes candidatos e candidatas:

1.- Carlos López López
2.- José Gromaz Castro
3.- María Gloria Pasarín Méndez
4.- Teresa Fernández Pérez
5.- Silban Rodríguez Palmeiro
6.- Óscar Fernández Ramos
7.- María Josefa Álvarez Alonso
8.- Ricardo Parada Mariñas
9.- Vanesa López Expósito
10.- Ramiro Couso Pérez
11.- María Aparecida dos Santos Sousa

Suplentes: Marta Álvarez Riveras; Ana María Ocampo Villar; e Manuel González Fernández.

Exit mobile version