Site icon Crónica3.com A Mariña

Exitosa estrea da curtametraxe “Reciprocum” en Viveiro

Viveiro, 2 de maio de 2023. A presentación da curtametraxe “Reciprocum” celebrada este domingo na Sala Multiusos do Concello de Viveiro foi todo un éxito.

A estrea desta peza, realizada polo Grupo de Participación Xuvenil dentro do Taller de Creación Audiovisual Igualdade e Violencia, convocou a un gran número de veciños e veciñas, que aplaudiron a montaxe así como a mensaxe que transmite.

Cúmprese así o obxectivo marcado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres, organizadores do taller na aplicación dos Fondos do Pacto de Estado 2022.

“Dende o Concello sentímonos moi orgullosos e felicitamos a todos os implicados na elaboración desta curta. Os mestres e os integrantes do Grupo de Participación Xuvenil fixeron un gran labor e agradecemos tamén á concelleira de Benestar Social que puxese en marcha esta actividade”, subliña a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. “A estrea foi un éxito e esperamos repetilo en vindeiras edicións”, engade a rexedora.

Tamén a concelleira de Cultura e Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega , transmite “os parabéns a todos os rapaces e rapazas que participaron nesta peza, pero tamén a todos os que participan activamente no grupo de Participación Xuvenil”. “Estamos moi orgullosos de todas e de todos eles porque están a xerar unha actividade, dentro do concello, que nos axuda moito a entender cal é a súa perspectiva, cales son as súas inquedanzas e necesidades”, engade.

“Dende o Centro de Información á Muller e a Concellería de Muller e Igualdade seguiremos intentando promover este tipo de accións que axudan a sensibilizar, visibilizar e loitar porque a violencia de xénero se erradique”, remata Fernández-Noriega.

Exit mobile version