Site icon Crónica3.com A Mariña

Expomar ultima os seus 5.000 metros de exposición

Burela, 6 de maio, 2023. No porto de Burela multiplícanse os traballos desde hai días preparando os últimos detalles da próxima XIX Feira Expomar, que se celebrará do mércores 10 ao sábado 13 de maio.

Nesta 19ª edición da feira monográfica náutico-pesqueira Expomar 2023 supéranse tódalas cifras de anos anteriores, xa que a superficie de exposición verase aumentada considerablemente en máis de 1.000 metros cadrados con respecto á última edición, superando os 5.000 metros entre o interior da nave de redes e unha nova carpa anexa no porto de Burela, que na tarde do venres empezaba a recibir pezas, como un barco camaronero de 12 metros de eslora e 4,5 metros de manga que estará exposto ao público.

Este crecemento débese en gran parte á alta demanda de expositores, xa que un 30% dos expositores desta edición serán novos. As altas cifras de entradas e invitacións profesionais descargadas confirman as boas expectativas que desde a Fundación Expomar manexan para esta edición “a máis esperada” despois do parón obrigado pola pandemia do Covid en 2021.

Desde o vindeiro mércores pola mañá o porto de Burela converterase na capital do mundo da pesca e a náutica, tanto polas novidades e relacións que se establecen no recinto feiral como polos relatorios, reunións e visitas institucionais que se sucederán nas Xornadas Técnicas, Encontro Empresarial e Consello Galego de Pesca.

Exit mobile version